Un equipo de biólogos da Universidade de Santiago descobre unha nova especie de percebe en Cabo Verde

Bautizárona como Pollicipes darwini, en honor a Darwin, pola súa dedicación a estes crustáceos e por ser quen describiu as tres especies coñecidas ata o momento.

Pollicipes_darwini_webUn equipo de investigadores do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago traballa dende hai anos na xenética dos percebes. Entre os proxectos desenvoltos neste eido destaca un centrado no estudo da diversidade xenética deste crustáceo, comunmente distribuído entre o norte de Europa e Canarias. Foi no transcurso desta investigación cando descubriron unha nova especie nas illas de Cabo Verde.

O coordinador do grupo é o profesor Manuel Rey Méndez. Sinala que recolleron mostras de percebe dende a Bretaña francesa ata Cabo Verde. Na mostra de Cabo Verde, obtida dentro do proxecto BANCOMAC, financiado polo programa INTERREG III-B, na rexión coñecida como Macaronesia -nome colectivo que se lle dá a varios arquipélagos do Atlántico Norte, próximos ao continente africano: Azores, Canarias, Cabo Verde, Madeira e Illas Salvaxes-, detectaron unha elevada diferenciación xenética e sospeitaron que podería tratarse dunha nova especie. Ata entón estaba considerada como a mesma especie que o percebe galego.

Ata agora só se coñecían tres especies de percebe en todo o mundo

O investigador explica que ata o de agora só estaban descritas tres especies de percebe en todo o mundo: dúas na costa leste do Pacífico, a canadense (Pollicipes polymerus) e a peruana (Pollicipes elegans); e unha no Atlántico, a especie euroafricana, que é a mesma que a galega (Pollicipes pollicipes). Así, compararon o percebe de Cabo Verde con estas tres especies e comprobaron que era diferente a todas elas.

Segundo explica un dos investigadores que participa neste proxecto, Javier Quinteiro Vázquez, “neste caso, ademais da diverxencia xenética, existen diferenzas dende o punto de vista morfolóxico”, tal como constataron Eugenio Fernández Pulpeiro e Javier Souto Derungs, do Laboratorio de Invertebrados Mariños do Departamento de Zooloxía da USC. Así, os crustáceos caboverdianos teñen as uñas de cor alaranxada, o pedúnculo máis oscuro e con escamas de aspecto diferente ás das restantes especies do xénero Pollicipes, ademais de certas particularidades no seu aparato bucal.

Darwin desembarcou en Cabo Verde pero non reparou nesta nova especie de percebe

Este achado do equipo da USC está pendente de publicación nunha revista científica de relevancia mundial no eido da taxonomía. Os investigadores galegos bautizaron a nova especie como Pollicipes darwini porque a descubriron en 2009, ano no que se conmemorou o bicentenario do nacemento de Darwin e os 150 anos da publicación de “A orixe das especies”. Ademais, o percebe foi o organismo que máis estudou ao longo da súa vida o naturalista inglés.

“É curioso que Darwin desembarcara nas illas de Cabo Verde e non lle chamara a atención esta poboación de percebe, probablemente debido á similitude coas outras especies” -manifesta Javier Quinteiro-. O investigador lembra que Darwin foi quen describiu as tres especies de percebes coñecidas ata o momento”.

A especie de percebe descuberta en Cabo Verde ten unha antigüidade de cinco millóns de anos

Os investigadores da USC xa tiñan publicado un artigo previo no que describían que, a nivel molecular, a poboación caboverdiana de percebe era distinta. Este estudo indicaba que todas as poboacións deste crustáceo, dende o norte de Europa ata o norte de África, eran da mesma especie, tal como se pensara sempre. Isto é debido, segundo os expertos, a que as larvas aguantan máis dun mes no mar e as correntes arrástranas dunhas áreas a outras, polo que é lóxico que non exista diferenza xenética entre ditas poboacións.

No caso das illas de Cabo Verde existe un sistema de correntes oceanográficas e outras condicións naturais que son as que impedirían que as larvas se mesturasen, o que explica o illamento xenético entre a especie euro-africana e a de Cabo Verde. Ademais, os investigadores aseguran que a nova especie diferénciase moito das do Pacífico en canto á súa morfoloxía, semellándose máis ao percebe galego.

O equipo estimou que a nova especie de percebe descuberta en Cabo Verde ten unha antigüidade similar ás das outras especies. “Esta especie ten a súa orixe hai uns cinco millóns de anos, aínda que as súas poboacións son máis antigas que as do resto das europeas e africanas” -afirma Quinteiro-.