Uninvest, sociedade impulsada pola Universidade de Santiago, vende o seu 17,91% de IOT á compañía estadounidense Younger Optics, un dos grupos líderes na industria óptica a escala mundial

carlos__hernandez_webA operación supuxo unha Taxa Interna de Rendibilidade do 104,33% para I+D Unifondo, o fondo de capital risco que xestiona Uninvest

Uninvest é unha Sociedade Xestora de Entidades de Capital Risco que busca potenciar a transferencia de coñecemento dende a Universidade e centros públicos de investigación á sociedade a través da creación de empresas. Nace no ano 2005 como unha iniciativa de UNIRISCO (a sociedade de capital risco impulsada pola Universidade de Santiago e da que forman parte as tres universidades galegas e varias empresas da comunidade), trece universidades españolas e ENISA (Empresa Nacional de Innovación, firma de capital público adscrita ao Ministerio de Industria).

 

Uninvest, como sociedade xestora do fondo I+D Unifondo, realizou o seu primeiro desinvestimento a través da venda da súa participación na compañía Indizen Optical Technologies (IOT). Trátase dunha empresa de base tecnolóxica xurdida a partir dos resultados de investigación do Grupo de Óptica Aplicada da Universidade Complutense de Madrid.

O conselleiro delegado de Uninvest e Unirisco, Carlos Hernández Sande, declara que “con este desinvestimento confírmase o potencial de crecemento que teñen as compañías creadas a partir de resultados de investigación desenvoltos en universidades e centros públicos de investigación españois”. Nesta liña, o conselleiro delegado afirma que “Uninvest e Unirisco son das poucas sociedades de capital risco españolas especializadas no investimento en empresas en fase semente e start-up xurdidas de resultados de investigación”.

Unha rendibilidade moi superior aos estándares do sector

A operación de desinvestimento supuxo unha Taxa Interna de Rendibilidade (TIR) do 104,33% para I+D Unifondo. “Representa unha rendibilidade moi superior aos estándares do sector, situados no 30-35%, aínda que o importante será a rendibilidade do fondo a longo prazo” -manifesta Hernández Sande-.

IOT créase no ano 2005. Ofrece solucións software completas para o control, procesado e deseño de lentes oftalmolóxicas. Estas solucións baséanse nunha serie de algoritmos que son propiedade da propia empresa. Cun cadro de persoal de seis empregados, a firma superou os 500.000 euros de facturación en 2009.

Un investimento destinado a financiar o desenvolvemento de novos produtos e solucións no eido da Óptica Aplicada

Uninvest realizou o investimento no capital de IOT a finais do ano 2008, co obxecto de financiar o desenvolvemento de novos produtos e solucións por parte da compañía no eido da Óptica Aplicada. Carlos Hernández explica que “o habitual é que os socios de capital risco permanezan no capital das compañías nas que invisten entre tres e cinco anos. En investimentos en capital semente este prazo pódese alongar ata os sete anos”.

Uninvest vendeu o seu 17,91% de Indizen Optical Technologies á compañía estadounidense Younger Optics, fundada por Irving Rips hai máis de 50 anos. Ten a súa sede central en California. É un dos grupos líderes na industria óptica grazas ao desenvolvemento de solucións de lentes innovadoras; dende lentes de sol polarizadas para reducir o resplandor, ás lentes deseñadas expresamente para condutores. A compañía ten oficinas de distribución en Europa (Praga) e Australia, ademais de delegacións en México e Canadá.

A compañía estadounidense adquire o 51% de IOT co obxecto de desenvolver a tecnoloxía da firma no mercado internacional e, en particular, favorecer o seu lanzamento no continente americano.

Uninvest xestiona un fondo de 18,5 millóns de euros

Na actualidade Uninvest xestiona I+D Unifondo, un fondo de 18,5 millóns de euros no que participan varias entidades financeiras, tanto públicas (ENISA, AXIS e XESGALICIA) como privadas (Caixa Galicia, Caixanova, Banco Santander e Banco Espírito Santo), ademais de inversores privados como a empresa téxtil Inditex ou o Grupo San José.

Con oficinas en Santiago de Compostela e Madrid, Uninvest conta cunha carteira de 16 compañías participadas en sectores como a Biotecnoloxía, as Ciencias da Saúde, a Nanotecnoloxía, os Novos Materiais e as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.