Investigadores da Universidade de Santiago están a desenvolver un sistema para detectar en tempo real os vertidos de petróleo no mar

Equipo-de-investigacin-do-Céntranse nos pequenos vertidos causados pola limpeza dos tanques dos buques, máis difíciles de descubrir

Un equipo de investigadores do Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago traballa na análise e interpretación de imaxes de satélite a través de técnicas de intelixencia artificial. En particular, centran a súa aplicación na detección de contaminantes no medio mariño. O proxecto está coordinado polo profesor do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC José Manuel Cotos Yáñez e conta coa participación dun equipo da Universidade da Coruña dirixido por José Carlos Dafonte Vázquez. Está financiado polo Plan Galego de I+D+i.

 

O coordinador e investigador principal do subproxecto da USC sinala que están a construír un sistema de apoio á toma de decisións para a detección de vertidos de buques. Destaca que, á marxe das grandes catástrofes, como a do Prestige ou a recente do Golfo de México, estanse a fixar nos denominados sentinazos, é dicir, os producidos pola limpeza dos depósitos dos barcos.

“Estes pequenos vertidos son legais se se respectan as cantidades máximas permitidas e a distancia establecida da costa, pero existe un gran descontrol porque non é facil facer un seguimento dos mesmos” -manifesta Cotos-. Destaca que “son máis difíciles de detectar e, no conxunto global, equipáranse ao vertido dun grande accidente”. Ademais, cómpre ter en conta, tal como indican os expertos, que o volume de tráfico marítimo no corredor de Fisterra é enorme. Así, segundo os datos aportados polo investigador, en 2009 transitaron fronte á Costa da Morte máis de 40.000 barcos.

Unha das vantaxes da principal fonte de datos que emprega o equipo é que non está influenciada pola presenza de nubes

A base deste proxecto son imaxes obtidas por dispositivos de teledetección activa a bordo de satélites, neste caso sensores de radar. As imaxes dixitais capturadas consisten nunha matriz de puntos, a cada un dos cales se lle asigna un valor nunha escala de grises. Os investigadores explican que cada tipo de superficie terrestre presenta unha resposta diferente a este tipo de sinal radioeléctrico. Neste sentido, se hai un vertido de petróleo o sensor rexístrao como unha mancha negra homoxénea, cun aspecto moi diferente do que ten o mar limpo. Segundo os investigadores, unha das principais vantaxes dos sensores de radar é que non lles inflúe a presenza de nubes ou o feito de que sexa de noite na captura das imaxes.

O novidoso deste proxecto radica na integración de diferentes técnicas de intelixencia artificial e de procesamento de imaxes para a análise e interpretación de datos procedentes de sensores de radar, co obxecto de detectar cando se produce un vertido de petróleo ao mar.

Na busca dun sistema de intelixencia artificial que mellore os actuais para distinguir falsos positivos

Tal como apuntan os expertos da USC, tendo en conta que nas imaxes de satélite non todas as manchas negras indican a presenza de combustibles, preténdese conseguir un sistema de apoio á toma de decisións que mellore os actuais para distinguir falsos positivos. Cando aparece unha rexión negra na imaxe pode deberse a unha mancha de combustible ou a efectos naturais como os causados polo mar en calma, a presenza de algas na superficie mariña ou a aparición de masas de xeo. En todos estes casos o aspecto é moi similar ao das manchas de petróleo, polo que é necesario incorporar ao sistema información contextual como a velocidade, a dirección do vento ou as posicións rexistradas das embarcacións.

O equipo da Universidade de Santiago pretende detectar os sentinazos no momento no que se producen e tratar de solucionar o problema de xeito inmediato, xa que nestes casos o tempo de resposta é fundamental. Nesta liña, os investigadores están a desenvolver unha aplicación que detecte vertidos pero que se execute no menor tempo posible. A idea é que se poidan analizar moitas imaxes á vez para poder facer fronte ao vertido.

O equipo colabora cun dos expertos que está a monitorizar o vertido do Golfo de México e que asesora ao goberno americano neste eido

O equipo da Universidade de Santiago está a colaborar co investigador americano Óscar García Pineda, da Universidade Estatal de Florida, que traballa dende hai anos coa NASA e a NOAA, a Axencia Americana Oceánica e Atmosférica. Este experto, un dos máis prestixiosos a escala mundial, desenvolveu un algoritmo matemático baseado en redes de neuronas artificiais para o estudo deste tipo de vertidos. En concreto estase a aplicar para facer o seguimento diario da mancha do Golfo de México, estimando a cantidade vertida e asistindo ao goberno de Obama nas súas accións neste eido.

O investigador americano está a dar soporte ao equipo da Universidade de Santiago no desenvolvemento deste proxecto, aportando os seus coñecementos e a súa experiencia, posto que leva anos monitorizando vertidos e conta cunha gran base de datos histórica con evidencias de vertidos.