Investigadores da Universidade de Santiago colaboran coa produtora galega Continental na creación dun videoxogo para a consola Wii

equipoIIT_webBaséase na intelixencia emocional das persoas, é dicir, na capacidade para recoñecer sentimentos e manexalos

Un equipo do Laboratorio de Sistemas da Universidade de Santiago, integrado no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas, traballa dende hai anos no campo da computación gráfica. O grupo, denominado MAR -Multimedia, Animación e Realidade Virtual-, está integrado por informáticos e físicos electrónicos, especializados en programación e multimedia. Ademais da investigación, tamén colaboran con empresas no desenvolvemento de tecnoloxía neste eido.

 

Na actualidade o equipo está a colaborar coa produtora audiovisual Continental, a través da súa filial dedicada aos videoxogos Continental Games, no deseño dun xogo para a videoconsola Wii, posto que é a única empresa galega autorizada para desenvolver xogos para a multinacional Nintendo. Nesta iniciativa participan tamén alumnos e titulados da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago, especializados en enxeñaría informática. O proxecto ten un presuposto algo superior ao millón de euros e está subvencionado pola Consellería de Economía e Industria a través da Dirección Xeral de I+D+i.

O coordinador do grupo da USC, Julián Flores González, explica que están a traballar nun videoxogo baseado na intelixencia emocional, que é a capacidade para recoñecer sentimentos propios e alleos, así como a habilidade para manexalos. “Trátase de analizar aspectos como a posición do corpo ou as expresións da cara do xogador, estudando tamén as respostas que emite a certas preguntas” -sinala o investigador-. Así, o proxecto conta tamén coa colaboración de expertos galegos no campo da psiquiatría.

Este videoxogo servirá para que os usuarios poidan desenvolver a súa intelixencia emocional. “A idea é presentarlle ao xogador unha serie de situacións para que as resolva” -indica Flores-, de xeito que a consola detecta as súas emocións e o xogo transcorre en función das mesmas.

A empresa Continental Games encárgase do deseño do videoxogo, mentres que os expertos da USC céntranse na parte da programación. En concreto están a traballar nun motor que permite, entre outros aspectos, a visualización do xogo e a comunicación entre usuarios. O proxecto iniciouse o ano pasado e nestes intres xa está rematada a fase de deseño e moi avanzada a de programación. O seguinte pasó será implementar todo o xogo na videoconsola Wii.