A CEG participa en Colombia nun foro que promove a unión de gobernos e empresas para desenvolver infraestruturas e servizos básicos en América Latina

ppp_americasBúscase que as pemes participen neste tipo de iniciativas, ata agora reservadas ás grandes compañías

A CEG trata de favorecer a incorporación das firmas galegas a estes proxectos

A CEG participa, a través do seu Servizo de Licitacións Internacionais (Salt), en PPP Américas 2013. Trátase dun foro internacional que comezou este xoves na cidade colombiana de Cartaxena de Indias e se prolongará ata mañá sábado. Búscase a participación conxunta de gobernos e do sector privado para o desenvolvemento de proxectos que impulsen as infraestruturas e os servizos básicos en América Latina e o Caribe. E preténdese que as pemes se sumen a este tipo de iniciativas. O encontro reúne a representantes de gobernos, institucións e empresas de distintos países. Está promovido polo Fondo Multilateral de Investimentos, membro do Grupo Banco Interamericano de Desenvolvemento.

No transcurso deste evento estanse a analizar as fórmulas que os gobernos latinoamericanos están a empregar para potenciar e desenvolver obras co sector privado. Trátase das Asociacións Público-Privadas (APP), ata o momento abertas só para as grandes compañías. A partir de agora preténdese habilitar procedementos específicos que faciliten tamén a participación das pequenas e medianas empresas.

Coa asistencia a este foro internacional, a Confederación de Empresarios de Galicia busca achegar estas oportunidades ás pemes galegas. De feito, algunhas empresas da comunidade xa se están a beneficiar destas fórmulas. Ademais, durante o encontro a CEG manterá xuntanzas con representantes do Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID), o que permitirá reforzar os actuais lazos de colaboración e avanzar en novas vías de negocio para as empresas galegas.

Durante o foro explicaranse as novas oportunidades que se presentan para estas asociacións, os sectores nos que poden actuar, en que casos son necesarias, a participación estatal, as fontes de financiamento e o papel que poden xogar as pemes nestes proxectos. Os sectores máis propicios para levar a cabo estas asociacións son os relativos a infraestruturas -sobre todo viarias- e tamén transporte, auga e saneamento, turismo, xunto coa construción de universidades, hospitais, museos e escolas.

A Participación Público-Privada (PPP) está a alcanzar unha relevancia cada vez maior de cara a favorecer o desenvolvemento das rexións e países en todo o mundo. América Latina e Colombia en particular téñense convertido nos últimos anos nun centro de atracción desta modalidade de proxectos.