O conselleiro económico da embaixada de Estados Unidos visita varias empresas e instalacións portuarias de Galicia

porto_vigo_webO diplomático coñece as bodegas Martín Códax e a fábrica do Grupo Jealsa-Rianxeira, ambas con presenza no mercado norteamericano

Estes encontros están organizados pola Rede Pexga, un proxecto da CEG e a Xunta para promover a internacionalización das firmas da comunidade

Hoxe continúan os actos programados con motivo da presenza en Galicia do conselleiro para Asuntos Comerciais da embaixada dos Estados Unidos en España, Robert Jones. Onte participou en Santiago, xunto co embaixador Alan Solomont, na xornada sobre oportunidades de negocio para as empresas galegas en EEUU, organizada pola CEG no marco da Rede de Plataformas Empresariais no Exterior (Rede Pexga), unha iniciativa da Xunta de Galicia e a CEG para favorecer a internacionalización da economía galega.

O conselleiro económico da embaixada dos Estados Unidos iniciou a súa rolda de visitas esta mañá no Porto de Vigo. Alí reuniuse co presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, e coa delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa. Na tarde de onte (xoves) tivo a oportunidade de coñecer as instalacións do porto exterior de Punta Langosteira, na Coruña, onde foi recibido polo director xeral da Autoridade Portuaria, Juan Diego Pérez Freire.

Unha vez coñecidas as actividades dos portos galegos, o conselleiro económico percorreu as instalacións dalgunhas das principais empresas da comunidade. É o caso das bodegas Martín Códax, que representa un dos exemplos de éxito de compañías galegas con presenza nos Estados Unidos. O director xeral da firma, Juan Vázquez Gancedo, e o seu director comercial, Pablo Buján Blanco, foron os encargados de explicar ao diplomático norteamericano as fortalezas da bodega, así como os intereses particulares que manteñen no seu país.

O Grupo Jealsa-Rianxeira, unha das empresas máis importantes do sector no ámbito nacional, foi outra das compañías que visitou o conselleiro económico da embaixada dos Estados Unidos en España. Tivo a oportunidade de achegarse á actividade diaria da fábrica que o grupo ten na localidade coruñesa de Boiro, acompañado do conselleiro delegado da firma, Jesús Alonso Escurís. A conserveira posúe socios comerciais no país norteamericano, onde xa comercializa unha gran variedade dos seus produtos.

Nesta axenda de contactos, o diplomático norteamericano estivo acompañado por representantes da Rede Pexga. A Rede conta na actualidade con dúas oficinas de representación empresarial nos Estados Unidos, unha en Nova York e outra en Miami. O seu obxectivo é dar apoio ás empresas galegas interesadas en lanzarse a este mercado, así como abrirlles novas relacións comerciais no país.