O embaixador dos Estados Unidos reunirase con empresarios galegos para abordar as oportunidades de negocio que ofrece o país

usa_webEntre xaneiro e outubro de 2012 Galicia exportou ao país produtos e servizos por valor duns 364 millóns de euros, un 16,3% máis que no ano anterior

Os peixes, crustáceos e mariscos, xunto cos produtos químicos inorgánicos, as partidas que máis están a medrar nas exportacións a EEUU

O embaixador dos Estados Unidos de América en España, Alan Solomont, participará a vindeira semana en Santiago nunha xornada sobre oportunidades de negocio para as empresas galegas no país. O evento, que se celebrará durante toda a mañá do xoves 17 na sede da CEG, reunirá a un nutrido grupo de representantes empresariais de diferentes sectores interesados en realizar intercambios comerciais cos EEUU. Unha vez rematado o encontro, o diplomático manterá un almorzo de traballo cos membros do Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Galicia.

O presidente da CEG, Antonio Fontenla, asistirá a esta xornada, á que tamén está previsto que acuda o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde. Ademais, o conselleiro para Asuntos Comerciais da Embaixada dos Estados Unidos, Robert Jones, participará no encontro. Na súa intervención centrarase naquelas áreas de negocio que na actualidade poden fortalecer os lazos económicos entre o tecido produtivo galego e o estadounidense.

No transcurso da xornada presentaranse unha serie de casos de éxito empresarial nos EEUU. Trátase en particular das Bodegas Martín Códax, Levantina e Asociados de Minerais (con sede no Porriño, dedicada á extracción, transformación e comercialización de pranchas de granito; así como á fabricación de pedras ornamentais e produtos de mármore) e Sociedade Téxtil Lonia (con sede en Ourense, que agrupa ás firmas de moda Carolina Herrera e Purificación García).

O encontro está organizado pola Rede de Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia (Rede Pexga), unha iniciativa da CEG e a Xunta de Galicia, que conta con dúas oficinas nos Estados Unidos, unha en Nova York e outra en Miami. Esta Rede ofrécelles ás empresas galegas servizos individualizados de información, asesoramento e apoio. O propósito é facilitarlles a súa implantación no mercado exterior ou impulsar a súa consolidación.

Relacións comerciais entre Galicia e os Estados Unidos

Estados Unidos representa o décimo destino da exportación galega, con 369,5 millóns de euros durante 2011. Así mesmo, o país norteamericano ocupou o noveno posto dentro dos provedores da comunidade galega, ata alcanzar os 463 millóns de euros. Estas cifras representan unha taxa de cobertura do 80%.

Segundo os últimos datos dispoñibles, entre xaneiro e outubro de 2012 Galicia exportou aos Estados Unidos produtos e servizos por valor de preto de 364 millóns de euros, un 16,3% máis que no mesmo período do ano anterior. E importou produtos e servizos por unha cantidade de 294,7 millóns de euros, un 22,2% menos que no mesmo período de 2011. A taxa de cobertura neste intervalo sitúase no 123%, cun saldo positivo da balanza comercial de 69 millóns de euros, fronte ao déficit de 66 millóns de euros do ano pasado.

Durante o ano 2011, o 49,2% das exportacións totais de Galicia con destino aos Estados Unidos foron de combustibles e aceites minerais, o que lle reportou preto de 182 millóns de euros. A esta partida séguelle a referente a aparatos e material eléctrico, xunto coas prendas de vestir non de punto.

Cómpre salientar a evolución das partidas relativas a peixes, crustáceos e mariscos, que incrementaron as súas exportacións no ano 2011 case un 184% con respecto ao exercicio anterior, alcanzando os 7 millóns de euros e fortalecendo así a tendencia ascendente dos últimos anos. Así mesmo, os produtos químicos inorgánicos están a experimentar un importante auxe nos últimos anos, pasando de non exportar nada en 2009 a alcanzar os 11,5 millóns de euros en 2011.

No caso das importacións tamén destacan os combustibles e aceites minerais por riba do resto das partidas, supoñendo o 63,3% do total. Séguenlle os cereais; peixes, crustáceos e moluscos; xunto coas máquinas e aparatos mecánicos.

Galicia ocupa o sexto posto no conxunto das comunidades autónomas nas relacións comerciais cos EEUU

As relacións comerciais de Galicia cos Estados Unidos supuxeron o 4,43% do total das transaccións comerciais do conxunto de España, sendo as exportacións galegas un 4,67% do total das españolas con destino a este país, mentres que as importacións galegas representaron un 4,26% das importacións españolas totais con orixe nos EEUU. Tanto en exportacións como en importacións, Galicia ocupa o sexto lugar no conxunto das comunidades autónomas españolas, por detrás de Cataluña, Andalucía, País Vasco, Madrid e a Comunidade Valenciana.