A actividade emprendedora recupérase en Galicia tras tres anos de descenso

fontenla_aguileraEn 2011 o 53% das intencións empresariais fixéronse realidade, fronte ao 27% do ano anterior; e os proxectos consolidados manteñen unha evolución superior ao conxunto nacional

O 9% da poboación galega manifesta a súa intención de crear unha empresa nos vindeiros tres anos

Fontenla confía en que as novas normativas de emprendedores previstas para principios de 2013 se axusten ás súas necesidades

A Confederación de Empresarios de Galicia presentou esta mañá os resultados do Informe GEM relativos a 2011. O Proxecto GEM (Global Entrepreneurship Monitor) é o observatorio internacional de referencia sobre a actividade emprendedora. Está integrado por 55 países e a comunidade galega aporta os seus datos a este estudo dende hai sete anos. Ademais da CEG, na súa aplicación en Galicia colaboran o Igape e a Universidade de Santiago.

Na súa intervención, o presidente da CEG, Antonio Fontenla, fixo referencia aos principais obstáculos que, segundo os expertos consultados polo GEM, dificultan a creación de empresas en Galicia. Salientou en particular a falta de financiamento. “A escaseza de crédito supón o maior dos freos para a posta en marcha e expansión de novas iniciativas emprendedoras” -declarou-.

Fontenla referiuse tamén ao “insuficiente apoio da Administración”, outro dos obstáculos apuntados polos expertos. En relación a este aspecto, confía en que “as novas normativas a favor dos emprendedores que se van impulsar tanto a nivel nacional como galego, anunciadas en ámbolos dous casos para os primeiros meses de 2013, permitan ofrecer aos novos empresarios medidas axustadas aos seus requirimentos”.

Mellora a actividade emprendedora en Galicia

O indicador máis valioso que ofrece este estudo é o índice de actividade emprendedora (TEA). Este valor representa a porcentaxe de poboación de 18 a 64 anos involucrada en iniciativas emprendedoras con menos de 42 meses de actividade. A pesar da crise e logo de tres anos consecutivos de descenso, en 2011 este índice recupérase en Galicia ata alcanzar o 4,74%, o que supón un incremento de 1,62 puntos respecto ao exercicio anterior. De todos os xeitos, a comunidade galega está lonxe do 7,64% alcanzado no ano 2007 e segue por debaixo da media nacional, que se sitúa no 5,81%.

O aproveitamento dunha oportunidade de negocio constitúe a principal motivación á hora de lanzarse á creación dunha empresa, ao tempo que aumenta o número de persoas que emprenden por necesidade. Como motivacións secundarias, destacan a busca de maior independencia e o desexo de aumentar os ingresos.

En 2011 consolídase a recuperación das iniciativas nacentes iniciada o ano anterior. Así, o 53% das intencións empresariais fixéronse realidade, fronte ao 27% de 2010. En canto aos proxectos consolidados, que son aqueles que levan máis de 42 meses no mercado, trala acusada caída de 2009, recupéranse por segundo ano consecutivo, mantendo unha evolución superior ao conxunto español.

O ano pasado duplicouse o número de individuos que abandonaron o seu negocio. Non obstante, se se analizan os datos tendo en conta a supervivencia da iniciativa máis alá da titularidade desta (por exemplo a través de traspasos), as iniciativas galegas pechadas alcanzan a cifra de 26.435, cunha taxa real de peche do 1,52%. A maioría dos emprendedores argumentan a falta de rendibilidade como principal motivo do cesamento empresarial.

Por outro lado, constátase unha importante recuperación da intención emprendedora. Os emprendedores potenciais, que teñen o propósito de poñer en marcha un proxecto empresarial nos próximos tres anos, representan un 8,96% da poboación, o que duplica a cifra rexistrada en 2010 e, ademais, é a máis alta dende que se puxo en marcha o Observatorio GEM Galicia en 2005.

Perfil do emprendedor

A maioría das iniciativas emprendedoras séguenas a poñer en marcha homes, aínda que medra de xeito substancial a porcentaxe de mulleres inmersas neste proceso. En canto á idade, preto do 70% dos emprendedores sitúase entre os 25 e os 44 anos, con cada vez máis mozos involucrados. Por outro lado, a actividade emprendedora increméntase entre aquelas persoas que posúen estudos de formación profesional e obrigatorios, en detrimento dos universitarios, observándose un aumento da porcentaxe dos que posúen coñecementos específicos en creación e xestión de empresas. Ademais, destaca o número de persoas en situación de desemprego que emprenden, cuxa porcentaxe case duplica o valor de 2010.

Apréciase unha maior implicación dos investidores informais, dispostos a financiar iniciativas alleas. Nesta liña, o aumento do investimento por parte de persoas con relación familiar ou de amizade co emprendedor suple en moitos casos a falta de resposta do sistema financeiro ás iniciativas emprendedoras, que nunha ampla porcentaxe de casos ten unha presenza modesta.

Características das iniciativas emprendedoras

A actividade predominante é a de servizos ao consumo (53,79%). Fronte ao exercicio anterior, destaca a caída dos servizos a empresas -debido á deterioración económica- e o incremento do sector primario. Ao mesmo tempo, aínda que diminúe o número de iniciativas incipientes no sector transformador, a elas correspóndelles o maior número de empresas de máis de 6 empregados, fronte ao que acontece no sector primario ou no orientado ao consumo.

En xeral, as iniciativas emprendedoras teñen un único propietario (62,29%) e un baixo grao de innovación (o 70% decláranse non innovadoras). A maioría das iniciativas mostran un elevado nivel de competencia (47,83%) e non prevén exportar (82,58%).

Aumenta o número de mulleres emprendedoras

O ano 2011 presenta unha recuperación moi significativa do TEA feminino (4,08%), cuxo valor case duplica o do ano anterior. Con todo, este índice mantense por debaixo do masculino (5,39%). Respecto ao perfil da muller emprendedora en Galicia, incorpóranse mulleres máis novas, diminúe o número das residentes en ámbitos urbanos, atópanse na maior parte dos casos en situación de emprego activo e teñen dedicación exclusiva ao seu negocio. Como elemento diferenciador, destaca o seu maior nivel de estudos con respecto aos emprendedores masculinos.

En canto ás características da súa actividade empresarial, a maior parte das emprendedoras crean as súas empresas de xeito individual, traballando como autónomas no sector de servizos de consumo e mellorando as súas expectativas de xeración de emprego. Un ano máis predominan os negocios en sectores con baixo ou nulo contido tecnolóxico, aínda que se percibe unha maior presenza feminina en negocios relacionados coas novas tecnoloxías. Unha das materias pendentes é a escasa vocación exportadora dos emprendedores en xeral e das mulleres en particular.