A CEG informa da importancia de coordinar a prevención de riscos laborais cando nun mesmo centro de traballo concorren varias empresas ou autónomos

neira_garrote_webNestes casos a coordinación empresarial resulta moi rendible

Certos perigos poden agravarse pola coexistencia de actividades

En ocasións, nun mesmo centro de traballo desenvolven a súa actividade diferentes empresas ou traballadores autónomos. Nestes casos resulta fundamental e moi rendible para cada empresa a coordinación da prevención de riscos laborais. Así se puxo de manifesto nunha xornada informativa celebrada esta mañá na Confederación de Empresarios de Galicia.

Os expertos sinalan que, cando se dea esta situación, tanto as empresas como os traballadores deberán manterse informados de maneira recíproca sobre os riscos específicos das actividades que desenvolven e que poidan afectar aos traballadores das outras empresas presentes no mesmo centro. Darase conta en particular daqueles perigos que poidan verse agravados pola propia concorrencia de actividades.

Nos últimos anos este ámbito da prevención ten experimentado un importante desenvolvemento, debido á aprobación de normativa específica en 2004. Non obstante, o seu cumprimento suscita certas dúbidas á hora de aplicala a situacións concretas, xa que non sempre están ben definidas as obrigas propias do empresario.

O propósito desta xornada é informar ao tecido empresarial sobre as dúbidas que lle xorden ás partes implicadas na coordinación das actividades empresariais neste eido da prevención de riscos laborais. E, por outro lado, trátase de que as empresas coñezan coa maior precisión posible os medios de coordinación que deben empregar para cumprir co seu deber de cooperación en cada situación concreta.

No encontro participaron compañías como Acciona, Vodafone ou Mugatra, xunto con representantes da Administración galega. Analizouse o marco legal e as distintas figuras que contempla a coordinación de actividades neste campo. Ademais, expuxéronse casos prácticos de como determinadas empresas coordinan as súas actividades.

No marco da xornada presentouse o proxecto da CEOE “Axencia Virtual de Comunicación para o Desenvolvemento de Accións Informativas sobre Prevención de Riscos Laborais”. Trátase dunha plataforma online para a realización de campañas de comunicación sobre prevención personalizadas co logotipo da empresa e traducidas a tódolos idiomas do territorio nacional. A finalidade é diminuír a sinistralidade laboral. A suscrición a este novo portal web, que permitirá beneficiarse das citadas ferramentas, é totalmente gratuíto para as empresas e os traballadores.