Un centenar de empresas galegas mostran o seu interese por afondar nas posibilidades que ofrece o mercado europeo

mercado_europeoTrátase de firmas de sectores tan diversos como a agricultura, a pesca, a construción, inmobiliarias, enerxéticas, comunicación ou educación

A CEG capacita ás empresas na xestión de proxectos europeos e na venda dos seus produtos na Unión Europea

A Confederación de Empresarios de Galicia pecha hoxe o ciclo “Oportunidades para as empresas galegas en Europa”. Trátase dunha serie de xornadas e seminarios destinados a difundir entre o tecido empresarial galego as posibilidades que ofrece o mercado interior europeo, de cara a mellorar a súa competitividade e as súas opcións de negocio. No marco desta iniciativa, as firmas asistentes tiveron a ocasión de coñecer como poden vender os seus produtos en Europa, como poden acceder a financiamento comunitario, ademais de como se deben planificar e xestionar proxectos europeos.

Nesta experiencia participaron un total de 100 empresas galegas, que na súa maioría mostraron interese por coñecer as posibilidades de acceder a financiamento comunitario. A tódalas actividades programadas pola CEG con motivo deste ciclo asistiron firmas de sectores vencellados á agricultura, gandería, silvicultura e pesca. Tamén houbo representación da industria manufactureira e da construción.

Pola súa parte, certos sectores manifestan un interese particular por averiguar como poden vender os seus produtos no mercado intracomunitario e por acceder a vías de financiamento. Trátase de empresas ligadas ao comercio, a actividades inmobiliarias e administrativas, ademais de servizos auxiliares.

En relación a como planificar proxectos europeos e obter financiamento preocúpanse empresas de subministración de enerxía. Firmas do ámbito da información e as comunicacións; xunto con outras actividades profesionais, científicas e técnicas mostran así mesmo a súa inquedanza nestes eidos. Ademais, ven como unha opción atractiva lanzarse ao mercado intracomunitario empresas integradas na industria extractiva e outras dedicadas á subministración de auga, actividades de saneamento, xestión de residuos e descontaminación, e mesmo o sector da educación.

Para aproveitar todas as oportunidades que ofrece Europa, a CEG pon a disposición das empresas galegas o seu Servizo de Información Comunitaria e Innovación (SICI). Este departamento proporciona información e asistencia ás empresas sobre a Unión Europea, en particular sobre o financiamento de proxectos empresariais. Promove a internacionalización das firmas da comunidade a través da innovación e da cooperación.