O conselleiro económico de Eslovaquia busca potenciar os intercambios comerciais coas empresas galegas
- Detalles
- Categoría: CEG
- Published: Domingo, 25 Novembro 2012 23:00
- Visitas: 891
Alimentación, xestión medioambiental, construción, madeira e enxeñarías, principais oportunidades para as firmas da comunidade
En 2011 Galicia exportou ao país produtos e servizos por valor de 27,67 millóns de euros, un 77% máis que en 2010
A Confederación de Empresarios de Galicia recibirá esta tarde, a partir das 17:00 horas, a visita do conselleiro económico de Eslovaquia, Rastislav Hindicky. No encontro, que presidirá Antonio Fontenla, estarán presentes empresas galegas dos sectores da construción, consultoras técnicas e enxeñarías, madeira, materiais de construción, xestión medioambiental, firmas carroceiras, de formación, calidade e alimentación.
Eslovaquia é un país pequeno, que apenas alcanza os 5,5 millóns de habitantes. Non obstante, as previsións da Comisión Europea apuntan a que a súa economía medrará a bo ritmo nos vindeiros dous anos, sostida polo avance do sector exterior.
A localización xeográfica do país eslovaco xunto ao carácter aberto da súa economía ofrecen oportunidades de negocio para as empresas, que esta tarde exporá de xeito pormenorizado o conselleiro económico na sede da CEG. Ademais, para o período 2014-2020 Eslovaquia prevé recibir 11.700 millóns de euros da Unión Europea entre Fondos Estruturais e Fondos de Cohesión. Por esta vía, pódese abrir unha oportunidade para as empresas galegas de consultoría con experiencia no desenvolvemento de modelos de xestión de fondos europeos.
Relacións comerciais de Galicia con Eslovaquia
O saldo comercial entre Galicia e Eslovaquia ten sido deficitario para Galicia nos últimos anos, aínda que esta tendencia rompeuse en 2011. Así, o ano pasado as exportacións galegas case se teñen duplicado con respecto ao exercicio anterior, ao tempo que as importacións se reduciron de xeito drástico. En 2011 Galicia exportou a Eslovaquia produtos e servizos por valor de 27,67 millóns de euros, un 77% máis que en 2010. E importou deste país produtos e servizos por valor de 14,73 millóns de euros, un 55% menos que o ano anterior. Cun saldo comercial favorable para Galicia de preto de 13 millóns de euros, estas cifras sitúan a taxa de cobertura no 188%.
As partidas que máis teñen contribuído ao aumento das exportacións son as relativas ao sector automóbil e as semimanufacturas da madeira. Destaca tamén o peso da confección feminina e das conservas de peixe e marisco dentro do total exportado. Pola súa parte, a redución das importacións débese a un descenso na compra de manufacturas de aluminio por valor de 20 millóns de euros.
Presenza galega en Eslovaquia
Na actualidade diversos grupos empresariais galegos están implantados en Eslovaquia. É o caso da cadea Inditex, presente con varias das súas firmas nun dos centros comerciais máis modernos da capital, Bratislava. Pola súa parte, Alumnios Cortizo ten unha fábrica no país; así como o Grupo Comar, que posúe salóns de xogo.