A CEG coñecerá en Túnez os proxectos do Banco Africano de Desenvolvemento, nos que poderían participar empresas galegas
- Detalles
- Categoría: CEG
- Published: Domingo, 11 Novembro 2012 23:00
- Visitas: 668
Destacan sectores como as infraestruturas, a enerxía, a auga e o saneamento, a agricultura e a educación
É a institución financeira pública máis importante do continente
A Confederación de Empresarios de Galicia participa esta semana en Túnez nun encontro organizado polo Banco Africano de Desenvolvemento (AfDB), que ten a súa sede central nese país. Trátase dunhas xornadas sobre oportunidades de negocio. Celébranse mañá martes, día 13, e o mércores 14.
O Banco Africano de Desenvolvemento fundouse en 1964 para fomentar o progreso económico e social de África. É a institución financeira pública máis importante do continente e destina cada ano seis mil millóns de dólares para o financiamento de operacións neste eido. A entidade celebra este tipo de encontros para dar a coñecer entre o sector empresarial os proxectos que financia, de cara á súa posible participación.
Esta iniciativa está dirixida a organizacións do sector privado procedentes dos 77 países membros do AfDB, entre os que se atopa España. A Confederación de Empresarios terá a oportunidade de coñecer con antelación e en detalle as prioridades e estratexias que levará a cabo o Banco e así poder achegalas ás empresas galegas con interese no continente africano. Iniciarase deste xeito un contacto que se prevé máis intenso a partir de 2013 e co que se busca abrir novas vías de negocio para as firmas da comunidade.
O seminario estrutúrase en sesións plenarias e encontros bilaterais, o que favorecerá que os participantes estean mellor informados en relación a como identificar oportunidades de negocio en diversos sectores. Destacan as infraestruturas, a enerxía, o desenvolvemento do sector privado, a auga e o saneamento, a agricultura e mesmo a educación. Ao longo do encontro, os representantes da CEG manterán reunións con departamentos específicos do Banco.
A CEG estará representada neste evento por membros do seu Servizo de Licitacións Internacionais, un departamento creado en 2007 e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Este servizo inicia así a súa aproximación ao continente africano, tras concentrar a súa actividade en Latinoamérica ao longo dos últimos anos, en particular a través de varios proxectos que mantén co Banco Interamericano de Desenvolvemento.
No acto participan un total de 21 países de varios continentes: España, Portugal, Francia, Reino Unido, Alemaña, Italia, Bélxica, Holanda, Austria, Suíza, Túnez, Estados Unidos, Canadá, Camerún, Gambia, O Congo, Kenia, Mauritania, Nixeria, Senegal e Sudáfrica. España está representada por 25 membros de diferentes empresas e organizacións empresariais.