As empresas galegas afondarán nas oportunidades que ofrece o mercado interior europeo, con 500 millóns de consumidores potenciais

mercado_intracomunitarioA CEG promove un ciclo no que se abordarán os requisitos que deben cumprir os vendedores, os medios de pago ou as fontes de financiamento

A Unión Europea celebra o 20 aniversario da creación do mercado único. Coincidindo con esta efeméride, a Confederación de Empresarios de Galicia organiza un ciclo de xornadas e seminarios destinado a difundir entre o sector empresarial galego as posibilidades que ofrece o mercado intracomunitario. Cada unha das tres accións formativas previstas realizaranse en Santiago de Compostela. A inscrición é gratuíta, ata completar o número de prazas.

O Servizo de Información Comunitaria e Innovación da CEG promove esta iniciativa. A finalidade é apoiar ás empresas para que se beneficien das oportunidades que achega o mercado interior europeo. Dende a Confederación salientan que “a creación do mercado único fixo posible que bens, cidadáns e servizos poidan desprazarse libremente dentro da Unión Europea. Esta medida ten provocado que na actualidade un pequeno empresario poida ter acceso a un mercado de 500 millóns de consumidores, o que mellora en boa medida a competitividade das organizacións empresariais”.

Este ciclo comeza a vindeira semana. O martes día 13 terá lugar un seminario centrado en transmitir ás empresas galegas como poden vender os seus produtos en Europa. Desenvolverase en Santiago e vai dirixido a firmas da comunidade que canalizan parte dos seus produtos a este mercado.

Durante o encontro estableceranse as diferencias entre as entregas intracomunitarias e as exportacións, así como os requisitos que deben cumprir os vendedores. Mostrarase como funcionan as triangulacións neste ámbito, diferenciando cando só participan operadores intracomunitarios, cando unha das tres partes está situada en terceiros países, ou que ocorre se se vende a outro español pero a mercadoría vai a un país intracomunitario. Trataranse os medios de pagamento que existen neste eido, así como os principais documentos que debe achegar o vendedor. Así mesmo, abordarase a fiscalidade das entregas intracomunitarias, con especial atención ás vendas que están exentas de IVE.

O ciclo complétase con outras dúas xornadas. O 22 de novembro terá lugar unha sesión informativa sobre as posiblidades de financiamento comunitario para as empresas, para o que se contará coa presenza de representantes de entidades que dispoñen de instrumentos de apoio con orixe en fondos comunitarios. E o 11 de decembro impartirase unha xornada sobre como planificar e xestionar proxectos europeos.