A CEG favoreceu a integración do galego nun total de 800 empresas nos últimos seis anos

snlO seu Servizo de Normalización Lingüística é o único que existe na comunidade para atender ao sector socioeconómico

Trátase de facilitar que as empresas poidan desenvolver a súa actividade cotiá en galego, tanto no ámbito interno como no seu contorno social

O Servizo de Normalización e Dinamización Lingüística Empresarial da Confederación de Empresarios de Galicia é o único servizo destas características que existe na comunidade para atender ao sector socioeconómico. En colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, trátase de favorecer que as empresas poidan desenvolver a súa actividade en galego, tanto no ámbito interno como no seu contorno social.

Dende a CEG consideran que “as empresas son un factor importante para acadar máis dimensión, máis función de uso e máis prestixio social para a lingua galega”. Así, a través deste servizo lévase a cabo un labor fundamental de estímulo no fomento e uso do galego no sector económico de Galicia. Nesta liña, dende a súa creación no ano 2007, prestáronse uns 5.000 servizos lingüísticos a un total de 800 empresas, tanto galegas como nacionais e mesmo internacionais que desenvolven a súa actividade na comunidade ou que teñen intereses de tipo económico nela.

Nos últimos seis anos este departamento da Confederación de Empresarios realizou unhas 40 accións formativas dirixidas ao sector empresarial, con preto de 400 persoas formadas neste eido. Ao longo deste período, o servizo desenvolveu máis de 900 soportes dixitais de interese para diferentes sectores económicos, como o da hostalaría, a prevención de riscos laborais, o pesqueiro ou a construción, entre outros. Estes soportes están dispoñibles na súa páxina web (www.normalizacion.ceg.es).

O servizo traballa por integrar a lingua galega nas actividades cotiás das empresas. Ofrécelles asesoramento neste eido. Pon á súa disposición toda a normativa lingüística de ámbito europeo, estatal e autonómico de interese xeral e empresarial. Desenvolve recursos lingüísticos de utilidade para as organizacións como glosarios sectoriais, soportes publicitarios normalizados, banco de documentos normalizados, ligazóns de interese e mesmo recursos informáticos, entre outras ferramentas. Proporciona información e asesoramento sobre a elaboración multilingüe de páxinas web. E pon ao servizo de todos os empresarios galegos un portal web de normalización empresarial con recursos, información e subvencións relacionadas coa lingua e coa empresa.