Cuba busca en Galicia empresas para desenvolver o seu sector marítimo-pesqueiro e avanzar na protección ambiental da súa costa

encuentro_Galicia_Cuba_webRepresentantes institucionais e empresariais dos dous territorios reuníronse esta mañá para establecer posibles vías de colaboración

Ao encontro asistiron tamén voceiros da Fundación Philippe Cousteau, que procura socios para os proxectos que teñen no país

Unha delegación do sector pesqueiro e medioambiental de Cuba mantivo esta mañá na sede da CEG un encontro cun grupo de empresarios galegos e representantes institucionais da comunidade. Á xuntanza asistiu o secretario xeral do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar, Juan Carlos Maneiro; o conselleiro económico-comercial da embaixada de Cuba en España, José Fernández Estévez; e o secretario xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (ANFACO), Juan Manuel Vieites.

O obxectivo deste encontro é establecer as bases para crear futuros vínculos de colaboración entre Galicia e Cuba. Na actualidade o país caribeño está a realizar esforzos encamiñados a favorecer o desenvolvemento do seu sector marítimo-pesqueiro, así como a protección medioambiental da súa costa. Con tal motivo, buscan socios empresariais cos que avanzar nestes proxectos.

Na xuntanza participaron ademais representantes da Fundación Philippe Cousteau. A Fundación leva o nome do segundo fillo do comandante Jacques Cousteau, que perdeu a vida nun accidente de hidroavión, e aspira a perpetuar o seu legado. Entre os seus fins destaca a conservación do medio e a biodiversidade mariña, a cooperación internacional, o desenvolvemento sostible en materia de pesca e acuicultura, xunto co impulso da cultura do mar. Nesta liña, busca en Galicia establecer lazos no eido medioambiental, de cara a colaborar nos proxectos que a Fundación ten en marcha en Cuba, centrados na protección da súa costa e da súa pesca.

Á reunión acudiron consultorías, fundacións e asociacións vencelladas ao sector pesqueiro e marítimo galego. Ademais, asistiron representantes empresariais de importantes compañías da comunidade especializadas en innovación tecnolóxica neste ámbito, en refrixeración e climatización, ou na fabricación e mantemento de equipos. Así mesmo, participaron empresas punteiras na produción e comercialización de produtos alimentarios derivados da pesca e da acuicultura, conserveiras e firmas dedicadas ao cultivo de especies pesqueiras. Por outro lado, contouse coa presenza de enxeñarías marítimas e de representantes de portos galegos.