O presidente da CEG, Antonio Fontenla, representa a Galicia no cumio bilateral que se celebra hoxe en Rabat entre os presidentes de Goberno de España e Marrocos

rabatO país marroquí ofrece oportunidades de investimento en sectores como as infraestruturas, o saneamento de augas e as enerxías renovables

No primeiro semestre do ano Galicia exportou a Marrocos produtos e servizos por valor de 230 millóns de euros

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, participa hoxe en Rabat na Reunión de Alto Nivel que están a manter os gobernos de España e Marrocos, representados polos seus respectivos presidentes, Mariano Rajoy e Abdelilah Benkirane. A este cumio bilateral asisten tamén o presidente da CEOE, Juan Rosell, e a da Confederación de Empresarios de Marrocos, Meriem Bensaleh Cheqrun, xunto con empresarios e responsables de organizacións empresariais territoriais e sectoriais de toda España.

Os obxectivos principais deste cumio son reforzar as relacións empresariais e comerciais entre os dous países. Búscase ademais potenciar os investimentos das empresas españolas en sectores clave do territorio marroquí, como as infraestruturas, o saneamento de augas e as enerxías renovables.

Acordo entre os empresarios galegos e os do norte de Marrocos

O pasado mes de setembro o presidente da CEG, Antonio Fontenla, asinou en Tánxer un convenio de colaboración coa delegación norte da Confederación de Empresarios de Marrocos. En virtude deste acordo, decidiuse dar impulso ás relacións comerciais e de negocios entre Galicia e o norte do país africano, de cara a propiciar novos investimentos nas dúas rexións.

Por outro lado, tanto os empresarios galegos como os marroquís contan co apoio da nova delegación que a Rede Pexga, promovida pola CEG e a Consellería de Economía, a través do Igape, acaba de abrir en Tánxer. O dinamismo que está a experimentar Marrocos e o seu potencial de futuro foron claves para implantar no país unha oficina de representación empresarial.

No primeiro semestre deste ano Galicia exportou ao país africano produtos e servizos  por valor de 230 millóns de euros e comprou a Marrocos bens por valor de algo máis de 172 millóns de euros, o que sitúa a taxa de cobertura no 133,45%. Na actualidade Marrocos ocupa o noveno posto como país destino das exportacións galegas, que en 2011 representaron o 2,17% do conxunto das nosas vendas ao exterior, cun volume de negocio de 380 millóns de euros. O ano pasado Galicia exportou ao país en particular material téxtil, combustibles e automóbiles.