A CEG presenta unha guía que axudará ás empresas a elixir o modelo máis axeitado para realizar a prevención de riscos laborais

guia_prlA contratación dun servizo de prevención alleo é a opción escollida polo 70% das pemes galegas

Ofrécense as claves para garantir a máxima eficacia nos contratos con este tipo de servizos

A Confederación de Empresarios de Galicia presentou esta tarde unha “Guía para a Contratación dun Servizo de Prevención Alleo”, destinada a informar ás empresas dos distintos modelos de organización vixentes no eido da prevención de riscos laborais, con especial atención á contratación dun servizo de prevención alleo. Foi no marco dunha xornada centrada nas modalidades de organización preventiva que existen, que tivo lugar na sede da CEG.

A guía está dispoñible na páxina web da CEG. Durante a presentación da mesma púxose de manifesto que na actualidade a maioría das pequenas e medianas empresas galegas optan por un servizo de prevención alleo, ata no 70% dos casos. Nesta liña, o documento ofrece unha serie de instrucións que facilitarán aos empresarios a contratación dun servizo destas características, segundo as necesidades de cada organización. Nel móstranse as claves para garantir a máxima eficacia neste tipo de concertos.

Na guía destácanse os servizos que se poderían prestar ás empresas. Así, á marxe de servizos habituais como a avaliación de riscos ou a elaboración dun plan poden, ademais, por exemplo, determinar medidas de actuación ante situacións de emerxencia ou mesmo investigar accidentes.

Existen cinco modalidades organizativas neste eido

Os responsables de prevención de riscos laborais da CEG salientan que “a primeira decisión que debe tomar a empresa é a elección do sistema organizativo que quere asumir”. Isto depende de diversos factores como as posibilidades legais, os medios materiais e humanos necesarios, as axudas técnicas dispoñibles, o custo que representa, entre outros aspectos. Así, cada empresa deberá valorar que opción se axusta mellor ao seu caso.

A guía recolle cinco tipos básicos de modelos organizativos neste eido. Así, a actividade preventiva pode asumila o propio empresario, poden designarse traballadores para este fin, crear un servizo de prevención propio, formar parte dun servizo mancomunado entre varias empresas ou un grupo empresarial, ou concertalo cunha entidade especializada.

Xornada informativa

A guía presentouse esta tarde no marco dunha xornada organizada pola CEG na que se analizaron as diferentes modalidades de organización preventiva. No seu trancurso, tamén se proporcionou información sobre os tipos de servizos de prevención que poden contratar as empresas, as variedades de concertos, así como unha serie de orientacións que cómpre ter en conta á hora de asinalos.

Ademais, trala regulación que teñen sufrido os servizos de prevención alleos no ámbito da asistencia sanitaria, abordouse a vixilancia da saúde laboral e as obrigas que corresponden ás empresas neste eido.