A embaixadora de Malta desprázase ata a CEG para intensificar as relacións comerciais con Galicia

embaixadora_fontenla_webA diplomática solicitou unha xuntanza con empresarios dos sectores das TIC, biosanitario, naval e de equipamento e tecnoloxía médica

O 50% das exportacións galegas a Malta son prendas de vestir, ademais de madeira, automóbiles e produtos da pesca

A embaixadora de Malta en España, Tanya Vella, mantivo esta mañá un encontro co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla. Durante a reunión acordaron celebrar unha nova xuntanza, nesta ocasión entre a diplomática e representantes de empresas galegas. Mostrou o seu interese en particular nos sectores das novas tecnoloxías da información e as comunicacións, biosanitario, naval, ademais do relativo a equipamento e tecnoloxía médica.

Malta proporciona unha localización atractiva para as empresas galegas que queiran actuar no norte de África. Caracterízase por ter un contorno de traballo europeo e con maior estabilidade que os seus veciños. Ademais, ofrece un sistema fiscal beneficioso para a actividade empresarial e incentivos para o desenvolvemento daqueles sectores que o país considera estratéxicos.

Relacións comerciais de Galicia con Malta

A balanza comercial da comunidade galega con Malta ten sido tradicionalmente favorable a Galicia, situándose as cifras das exportacións galegas á illa en torno aos 15 millóns de euros; agás no ano 2009, no que se produciu unha venda de barcos e equipamento naval por importe de 44 millóns de euros, o que distorsionou de maneira moi favorable a tendencia rexistrada.

Pola súa parte, as importacións galegas a este país adoitan ser escasas, se ben en 2010 houbo un repunte na compra de combustibles minerais, aceites minerais e produtos derivados. Esta situación volveuse a reproducir en 2012, modificando o signo da balanza comercial, que este ano é favorable a Malta.

En canto aos produtos que as empresas galegas exportan ao país maltés, o 50% son prendas de vestir. Con menor peso, destacan a madeira e as súas manufacturas, os automóbiles, xunto cos peixes, crustáceos e moluscos. Galicia representou en 2011 o  8% das exportacións españolas a Malta, o que supuxo unha cifra de 17 millóns de euros. No que vai de ano esta porcentaxe caeu ao 4%, cunha cantidade de 7 millóns de euros.