A CEG selecciona a 15 empresas galegas para formalas e tutelalas na elaboración das súas propostas para acceder a unha contratación pública internacional

seminario_salt_webEstas compañías forman parte de sectores económicos estratéxicos para a economía galega

Trátase da enxeñaría civil e industrial, enxeñaría ambiental, automoción, metalurxia, construción, enerxías renovables, pesca e téxtil

A Confederación de Empresarios de Galicia trata de impulsar a entrada das empresas galegas no mercado das contratacións públicas no exterior, a través do seu Servizo de Licitacións Internacionais (SALT). Trátase dunha iniciativa pioneira no ámbito nacional, posta en marcha en colaboración co Igape, e que na actualidade presta axuda neste eido a preto de 500 empresas da comunidade. No marco deste servizo, estase a desenvolver a terceira edición do Programa de Apoio Integral a Empresas.

A CEG seleccionou a 15 empresas de toda Galicia para participar neste programa. A través do mesmo proporciónaselles formación e acompañamento individualizado durante o proceso de elaboración da proposta para concurrir á convocatoria dunha contratación pública internacional concreta.

A fase de formación está a ter lugar na sede da CEG, en Santiago, nun total de catro xornadas que se desenvolverán entre este mes e principios de outubro. Logo segue un período de tutela, que consiste no acompañamento on line, telefónico e presencial para a preparación dunha proposta real por parte de cada empresa. Esta fase pode estenderse ata finais de ano e, durante a mesma, as compañías seleccionadas disporán dunha consultoría especializada que lles permitirá resolver todas as cuestións relacionadas coa elaboración das súas ofertas.

As empresas que participan nesta iniciativa forman parte de sectores económicos relevantes ou de actividades estratéxicas para a economía galega e con potencial para acceder ao mercado internacional, no eido concreto das licitacións públicas promovidas por organismos e institucións financeiras multilaterais de desenvolvemento.  Trátase de compañías dedicadas á enxeñaría civil e industrial, enxeñaría ambiental, automoción, metalurxia, construción, enerxías renovables, pesca, téxtil, consultorías e formación.

A Confederación de Empresarios de Galicia é a única organización en toda a comunidade galega que ofrece ás empresas un servizo especializado na área das licitacións públicas internacionais. O seu obxecto é reforzar e dar apoio á internacionalización do tecido produtivo galego.