A CEG asina cos empresarios do norte de Marrocos un convenio que impulsará as relacións comerciais entre Galicia e a rexión africana

sinatura_convenio_webFontenla salienta o potencial galego no desenvolvemento de infraestruturas, a construción de vivendas, o saneamento de augas ou a xeración de enerxía

No primeiro semestre do ano Galicia exportou a Marrocos produtos e servizos  por valor de 230 millóns de euros

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, remata hoxe a serie de encontros que ao longo desta semana mantivo con empresarios e autoridades de Tánxer. A visita á cidade marroquí culminou na sinatura dun convenio de colaboración entre a CEG e a CGEM Région Nord, a delegación norte da Confederación de Empresarios de Marrocos. En virtude deste acordo, impulsaranse as relacións comerciais e de negocios entre Galicia e o norte do país africano, o que propiciará novos investimentos en ámbalas dúas rexións. Os empresarios galegos dispoñen ademais do apoio da nova delegación que a Rede Pexga, promovida pola CEG e a Consellería de Economía, a través do Igape, acaba de abrir en Tánxer.

Asinaron este acordo o presidente da CEG, Antonio Fontenla, e o presidente da CGEM Région Nord, Abdelhakim Oualit. No acto estiveron presentes ademais o cónsul de España en Tánxer, xunto con outras autoridades dos dous países.

O presidente da CEG destaca o “gran potencial” do mercado marroquí para as empresas galegas

Durante a súa intervención, o presidente da CEG resaltou que “os difíciles momentos que atravesa o noso mercado interior obríganos a fortalecer a nosa presenza internacional”. E, nesta liña, fixo fincapé no feito de que “Galicia é unha das rexións de España que presenta un maior músculo exterior. Dende 2007 a balanza comercial galega resulta positiva e a nosa taxa de cobertura sitúase vinte puntos por riba da media estatal. Somos a sexta comunidade en capacidade exportadora, cunha cota do 7% sobre o conxunto de España, por riba da porcentaxe que nos correspondería segundo a nosa aportación ao PIB ou ao global da poboación española”.

Fontenla destacou ante os empresarios marroquís como principais sectores exportadores da comunidade galega a automoción, o téxtil, a extracción pesqueira e a súa transformación, a produción agroalimentaria, a enxeñaría, a construción, as consultorías técnicas, as empresas de novas tecnoloxías, así como os produtores de enerxías renovables.

O presidente da CEG sinalou que, “de cara a reforzar a competitividade da nosa economía, apostamos por ampliar a nosa presenza en mercados nos que intuímos un gran potencial como é o caso de Marrocos, ao tempo que desexamos trasladar tamén aos seus empresarios novas oportunidades de negocio en Galicia”. Así, referiuse á apertura da oficina de representación empresarial que a Rede Pexga acaba de instalar en Tánxer. “O dinamismo que está a experimentar Marrocos e o seu potencial de futuro animounos a abrir unha das catorce oficinas que a CEG e a Xunta de Galicia están a impulsar por todo o mundo” -afirmou-.

Fontenla puxo a disposición dos empresarios marroquís a experiencia do tecido produtivo galego en áreas como o desenvolvemento de infraestruturas, a construción de vivendas, o saneamento de augas ou a xeración de enerxía; ámbitos que están a experimentar unha demanda crecente no país africano. E salientou que o convenio de colaboración subscrito entre os empresarios galegos e os da rexión norte de Marrocos contribuirá a favorecer os intercambios comerciais entre os dous territorios. “Aínda que as nosas relacións actuais son positivas, teño o convencemento de que presentan un longo percorrido” -manifestou-.

As relacións comerciais entre Galicia e Marrocos

Na actualidade Marrocos sitúase no noveno posto como país destino das exportacións galegas, que en 2011 representaron o 2,17% do conxunto das nosas vendas ao exterior, cun volume de negocio de 380 millóns de euros. O ano pasado Galicia exportou ao país africano en particular material téxtil, combustibles e automóbiles.

En canto ás importacións, Marrocos é o décimo comprador dos nosos produtos e servizos, o que o supón o 2,71% das nosas compras, cunha cifra de negocio de 345 millóns de euros. Galicia importa a esta rexión sobre todo prendas e complementos de vestir (58,1%); peixes, crustáceos e mariscos (26,6%); ademais de máquinas, aparatos e material eléctrico (7,25%).

As importacións galegas procedentes de Marrocos representan o 16,6% das importacións españolas a ese país. Pola súa parte, as exportacións galegas a Marrocos supoñen o 12,65% do total das exportacións nacionais. No primeiro semestre deste ano, Galicia exportou ao país africano produtos e servizos  por valor de 230 millóns de euros e comprou a Marrocos produtos e servizos por valor de algo máis de 172 millóns de euros, o que sitúa a taxa de cobertura no 133,45%.

Marrocos, un país atractivo para investir

Marrocos é un dos países de África que sufriu unha transformación máis profunda nos últimos trinta anos, cun mercado en expansión que supera os 30 millóns de habitantes e que demanda cada vez máis bens e servizos. A taxa de crecemento en 2011 foi do 5%, baseada esencialmente na demanda interna, cun incremento do consumo privado do 7,4% e do público do 4,6%. Segundo datos do Banco Mundial, o seu Produto Interior Bruto medrou nun 4,5% o ano pasado.