O presidente da CEG desprázase a Marrocos para reforzar as relacións comerciais cos seus empresarios

visita_pesbakFontenla manterá un programa de contactos institucionais e visitará algúns dos centros loxísticos e de negocios de referencia no norte do país

Visitará ademais a nova delegación da Rede Pexga na cidade de Tánxer

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, manterá ao longo desta semana un amplo programa de traballo no norte de Marrocos, con base na cidade de Tánxer. O obxectivo desta viaxe é fortalecer as relacións comerciais entre o tecido produtivo galego e o do país africano, e dar a coñecer aos empresarios marroquís as oportunidades de investimento que ofrece Galicia. A visita comeza hoxe martes e prolongarase ata o vindeiro xoves, 13 de setembro. Durante a súa estadía no país establecerá diversos contactos institucionais, ao tempo que se achegará aos centros de negocios e infraestruturas de referencia na rexión.

Esta mesma mañá o titular da CEG visitou a maior planta de procesado de peixe do norte de África, Pesbak & Benjelloun Sarl, empresa de capital marroquí-galego que lidera a exportación de peixe en Marrocos. Fontenla coñeceu tamén as instalacións de Tánxer Med, o principal porto mediterráneo, situado nunha posición estratéxica ao ser lugar de paso das rutas marítimas que unen Europa, África e América.

Os contactos nos vindeiros días estenderanse ás autoridades da rexión norte do país e ás principais organizacións empresariais. Neste último eido, manterá encontros coa dirección da CGEM Région Nord, a delegación norte da Confédération Générale des Entreprises du Maroc, que é a organización empresarial de referencia no país.

Rede Pexga en Marrocos

Fontenla desprazarase tamén á plataforma da Rede Pexga en Tánxer, que acaba de abrir as súas portas como apoio fundamental para as empresas galegas que se animen a acceder a este mercado, tanto para aquelas que desexen comezar a exportar como para as que precisen fortalecer lazos de comercio ou de investimento xa existentes.

Marrocos é o centro loxístico, produtivo e comercial do norte do continente africano. É o mercado máis importante dende o punto de vista comercial para as empresas españolas, xa que representa o segundo destino das exportacións nacionais fóra da UE. Marrocos e a rexión norte en particular están a experimentar un desenvolvemento económico crecente. Destaca a creación de zonas francas de exportación vencelladas á área portuaria de Tánxer, unha importante rede de autoestradas, ademais do inicio dos traballos para o tren de alta velocidade que unirá esta cidade coas capitais administrativas e económicas do país.