A CEG mostra a súa satisfacción pola decisión da xustiza de seguir adiante co proceso que permitirá esclarecer a responsabilidade das irregularidades económicas detectadas no ano 2001

afontenla_webO Xulgado de Primeira Instancia de Santiago vén de ditar un auto no que recoñece indicios de delito nas irregularidades que a CEG puxo en coñecemento da xustiza

A realización deste proceso permitirá á organización empresarial poñer un punto final a unha longa etapa de recuperación económica e de prestixio social

En marzo de 2001, días despois da toma de posesión de Antonio Fontenla como presidente, a CEG puxo en coñecemento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia unha serie de irregularidades detectadas na súa xestión dos fondos de formación que desembocaron nunha grave crise financeira e social para a entidade. Transcorridos once anos, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Santiago de Compostela vén de ditar, a instancias da Fiscalía, un auto no que confirma que os feitos  apuntados pola CEG “pudieran ser constitutivos de delito” polo ex secretario xeral da CEG, Rafael Sánchez Sostres, xunto cunha serie de representantes empresariais. Deste xeito é posible que nos vindeiros meses se leve a cabo a vista oral do caso. O presidente da CEG, Antonio Fontenla, mostra a súa “satisfacción polo avance dun proceso xudicial, que está chamado a pechar un episodio lamentable na xestión pasada da organización empresarial”.

Os antecedentes

As irregularidades na situación contable que se destaparon en febreiro do ano 2000 motivaron o cesamento inmediato do entón secretario xeral, responsable ata o momento da xestión económica e da contabilidade. Tras a súa saída, o novo equipo xestor emprendeu unha investigación interna para coñecer o alcance da situación e as causas do endebedamento. De maneira paralela, executouse unha auditoría contable externa.

A investigación interna sacou á luz unha serie de irregularidades. En concreto, detectouse o desvío de caudais públicos procedentes dos fondos destinados a formación. Debido a que o entón secretario xeral levaba a cabo de forma directa e con plena independencia a xestión dos cursos de formación organizados pola CEG, a contratación de provedores e de consultoras para o seu desenvolvemento, así como a xustificación da súa realización, os órganos de goberno da entidade decidiron poñer todas as irregularidades constatadas en coñecemento da Fiscalía. Ao mesmo tempo, a Confederación presentouse como acusación particular para colaborar na depuración das posibles responsabilidades.

Ademais, no transcurso da auditoría e da investigación confirmouse a ausencia dos rexistros contables das operacións realizadas e detectouse tamén a desaparición de informes dos arquivos da CEG, sendo o responsable da súa custodia o ex secretario xeral da entidade. A falta dos apuntamentos contables supuxo un obstáculo que dificultou  o coñecemento por parte da Confederación da súa situación financeira real.

Tras unha década de esforzos, a débeda está estabilizada

Como resultado das irregularidades cometidas, o buraco financeiro que atopou á súa entrada o novo equipo directivo, encabezado por Antonio Fontenla, ascendía a unha débeda con distintas administracións e provedores de 6,3 millóns de euros. Esta cantidade, sumada aos xuros dos préstamos solicitados e a outros conceptos, elevouse finalmente aos dez millóns de euros. Para facer fronte a esta situación, ao longo destes anos a CEG acometeu un severo proceso de redución do seu pasivo, apostando pola austeridade na súa xestión, axustando ao máximo os seus gastos e destinando de maneira íntegra os seus beneficios á súa recuperación económica. Na actualidade, as contas da entidade están estabilizadas, polo que só permanecía inconcluso o esclarecemento da responsabilidades penais e civís dos feitos para poñer un punto final a este episodio pasado da organización empresarial. Cabe sinalar tamén que dende a constatación das irregularidades comentadas a CEG deixou de executar formación continua e ocupacional.

Fontenla: “Ademais do quebranto económico causado á CEG, engadíuselle un forte desprestixio”

Dende o seu discurso de toma de posesión, Fontenla asumiu o compromiso claro e incontestable de esclarecer todas as irregularidades, recuperar a credibilidade da entidade e asumir unha nova etapa marcada pola transparencia na xestión. Nesta liña, a CEG é das poucas organizacións empresariais que presenta as súas contas no Rexistro Mercantil. Tal como manifesta o presidente, “ao enorme quebranto económico causado á CEG, engadíuselle un forte desprestixio social”. E afirma que “aínda que o proceso de recuperación económica segue en marcha e vaise retrasar a causa da crise, a entidade fortaleceu ao longo destes anos o seu prestixio, reforzou a súa representatividade  -formalizada pola Administración autonómica na Lei de participación institucional- e conseguiu consolidar a súa reputación e recoñecemento, tanto en Galicia como no ámbito nacional”.

Fontenla salienta o apoio prestado dos presidentes das confederacións provinciais, dos membros da Xunta Directiva e do Consello Asesor, que apoiaron con firmeza á CEG na súa nova andaina. E engade que “o posible inicio da causa no último ano do actual mandato cáusame unha especial satisfacción, posto que, en tres mandatos o actual equipo logrou imprimir unha mudanza radical a esta organización, permitíndolle recuperar o seu papel como referente indispensable nas relaciones sociolaborais da comunidade”.