Fontenla reúnese co gobernador xaponés de Wakayama para abrir posibles vías de colaboración entre as empresas galegas e a rexión nipona

nisaka_fontenla_webNo primeiro trimestre deste ano, as empresas galegas exportaron a Xapón produtos e servizos por valor de 16 millóns de euros

Con motivo da súa visita a Galicia, o gobernador da prefectura de Wakayama (Xapón), Yoshinobu Nisaka, reuniuse esta mañá co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla. Este encontro servirá para establecer vínculos que posibiliten relacións futuras entre o sector empresarial galego e a rexión nipona.

Cunha superficie de 4.726 km2 e 650 km de costa, a prefectura de Wakayama ten unha poboación duns 995.000 habitantes. O produto interior bruto do territorio supera os 327 millóns de euros e a súa industria xera cada ano arredor de 240 millóns de euros. Produce sobre todo ferro, petróleo, carbón, produtos químicos e maquinaria diversa.

De cara a avanzar no seu desenvolvemento económico, entre outras medidas a rexión xaponesa trata de mellorar os trámites que permitan atraer investimentos por parte de empresas privadas. Wakayama busca potenciar en particular as súas industrias agrícola, forestal e pesqueira.

O Camiño Kumano e o Camiño de Santiago

A rexión nipona traballa tamén no desenvolvemento do seu turismo. Así, polo número de bens culturais e tesouros nacionais que posúe, Wakayama sitúase no sexto posto entre as 47 xurisdicións territoriais nas que se divide Xapón. Os lugares sagrados e as rutas de peregrinación nas montañas de Kii (o Camiño Kumano Kodo) foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

O Kumano Kodo é un conxunto de cinco grandes sendas que percorren preto de mil quilómetros na península de Kii. Todas estas sendas converxen no templo sintoísta de Hongu Taisha. Os peregrinos que realizan o percorrido completo visitan ademais os outros dous grandes centros relixiosos do Kumano. Os tres constitúen o Kumano Sanzan. A similitude desta ruta de peregrinación co Camiño de Santiago permitiu abrir vínculos de colaboración dende hai máis dunha década.

Relacións comerciais de Galicia con Xapón

Cun produto interior bruto de 4,39 billóns de dólares, Xapón é a cuarta economía mundial. Dende o inicio da crise financeira internacional, os intercambios comerciais entre Xapón e Galicia foron diminuíndo de maneira significativa. Non obstante, o saldo comercial é cada vez máis favorable para Galicia, xa que as exportacións contráense en menor medida que as importacións.

O ano pasado a comunidade galega exportou ao país asiático produtos e servizos por valor de 61 millóns de euros e as importacións alcanzaron os 27 millóns de euros. Estas cifras sitúan a taxa de cobertura no 225%. No primeiro trimestre deste ano, as empresas galegas exportaron a Xapón produtos e servizos por valor de 16 millóns de euros e as importacións supuxeron algo máis de 4 millóns de euros. Así, a taxa de cobertura nestes primeiros meses do ano é do 407%.

Os produtos que lideran a exportación galega ao país asiático son a confección feminina, que representou un 29% do total exportado en 2011, o peixe conxelado (23%), a confección masculina (12%) e os moluscos e crustáceos conxelados (7%). Tamén están a alcanzar unha gran relevancia empresas vencelladas ao sector agroalimentario, na súa maioría adegas, xunto coa industria da madeira e do moble e o sector da pedra natural.