Fontenla destaca a necesidade de reforzar a cooperación empresarial entre Galicia e o Norte de Portugal como unha estratexia básica para reactivar a economía dos dous países

guimaraesO presidente da CEG está a participar en Guimarães nun encontro centrado na colaboración entre España e Portugal no eido das pemes

No primeiro trimestre de 2012 as exportacións galegas a Portugal descenderon un 6,8% e as importacións un 2,9%

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, está a participar na cidade portuguesa de  nun encontro centrado na cooperación entre Portugal e España no ámbito das pemes, organizado polo Ministerio de Economía e Emprego do país veciño, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Portugal. Nesta experiencia intervén tamén a Xunta de Galicia, o Ministerio de Industria de España, a Dirección Xeral de Empresa e Industria da Comisión Europea, xunto con diversos representantes políticos e empresariais dos dous países.

O obxectivo deste evento é reforzar as relacións entre Portugal e España trala celebración do cumio hispano-portugués que tivo lugar en Oporto en maio. Preténdese así potenciar as boas relacións empresariais xa existentes entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal, no contexto da política para as pequenas e medianas empresas. E, en particular, trátase de favorecer o intercambio de experiencias no marco da iniciativa Small Business Act para Europa, destinada a crear unhas condicións favorables para o crecemento e a competitividade sostida das pemes europeas.

En representación do tecido produtivo galego, a CEG participa neste encontro na conferencia “Innovación, rexións e internacionalización das pemes”. En concreto, Fontenla abordou esta mañá “A cooperación segundo as asociacións empresariais”. Nesta liña, resaltou que “dende a súa fundación, en 1981, a CEG ten nos seus vínculos con Portugal unha das súas vías prioritarias de actuación, en razón da profunda convicción do empresariado galego ante as oportunidades económicas que suscita unha maior integración entre ámbolos dous mercados”.

As boas relacións comerciais entre Galicia e Portugal

O presidente da CEG lembrou que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é a área transfronteiriza máis poboada de toda a península, con 6,4 millóns de habitantes. E sinalou que en 2011 o país luso foi o segundo destino das exportacións galegas, cunha cuota do 17%, o que representa unha cantidade total de 2.984 millóns de euros. “Estas cifras superaron nun 20% as alcanzadas no exercicio anterior, polo que se trata, a pesar da grave crise que asola ás dúas economías, do mellor dato rexistrado nas series históricas” -manifestou-. En canto ás importacións, Portugal é tamén o segundo mellor cliente das empresas galegas, cunha cuota do 12,7%, o que se traduce nun volume de negocio de 1.778 millóns de euros, un 3,7% máis que en 2010.

A repercusión da crise nos intercambios comerciais

Non obstante, a pesar do “magnífico comportamento” que experimentaron os intercambios comerciais entre Galicia e o Norte de Portugal ao longo de 2011, Fontenla declarou que “non se pode ocultar que no primeiro trimestre deste ano estas relacións están a sufrir un evidente menoscabo”. Así, indicou que as exportacións galegas rexistraron unha merma do 6,8% e as importacións do 2,9%. “A pesar deste tropezo, que agardamos que sexa estacional, aínda que as perspectivas non son halagüeñas, a interrelación establecida entre ámbolos dous mercados mantense como un activo fundamental para Galicia e Portugal” -manifestou o presidente da CEG-.

Na súa intervención, Fontenla lembrou que “o proxecto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten sufrido anteriores dificultades das que sempre saíu reforzado”. Así, salientou que “nestes intres dobramos o nivel de relacións comerciais rexistrado hai dez anos”. E indicou que, a pesar da súa reseñable traxectoria, aínda ofrece un amplo percorrido. Nesta liña, fixo referencia á Macrorrexión Rexións do Sudoeste Europeo, unha iniciativa que permitirá, no marco do financiamento europeo que arranca en 2014, optar a novas oportunidades en base á participación en programas conxuntos entre rexións europeas.

A crise económica e as debilidades das dúas economías

O presidente da CEG destacou que a crise económica, cuxas causas gardan certas analoxías nos dous países, deixou ao descuberto as principais debilidades das respectivas economías. Referiuse en particular a unha estrutura produtiva excesivamente concentrada en determinados sectores, á carencia de competitividade, unha insuficiente presenza das empresas no exterior e un patente déficit de innovación. “Ante doenzas comúns, debemos traballar tamén en atopar remedios compartidos, baseados nunha maior colaboración. A clave está en reforzar a cooperación empresarial, establecer alianzas que permitan cobrar a dimensión necesaria para abordar estes retos” -declarou-.

Fontenla afirmou que todas as reformas que se están a levar a cabo “deben servir de acicate para establecer un novo modelo económico, máis competitivo e sostible”. Resaltou que, “en caso de fracasar neste desafío, os problemas actuais que padecen os nosos respectivos países poden prolongarse por décadas”. E concluíu manifestando que “o noso desexo é avanzar, a través da integración, cara a unha nova etapa de prosperidade, crecemento e creación de emprego”.