Un total de 639 estudantes universitarios realizaron prácticas en 470 empresas o curso pasado a través dos diferentes convenios da CEG

universitariosProceden na súa maioría da titulación de Administración e Dirección de Empresas, seguida de Veterinaria, Dereito, Psicoloxía e Relacións Laborais

Dende que se puxo en marcha este programa, en 1995, beneficiáronse máis de 17.000 mozos de toda Galicia

A Confederación de Empresarios de Galicia dispón dun programa de prácticas profesionais para que os estudantes universitarios entren en contacto coas empresas antes de rematar os seus estudos. Este programa, que se iniciou hai xa dezasete anos, baséase na sinatura de convenios de colaboración entre a CEG e as universidades galegas. Desenvólvese en colaboración coas empresas da comunidade e diríxese a estudantes universitarios, co ánimo de impulsar o achegamento entre a universidade e o tecido empresarial. Permítese así que o alumnado complete a súa formación teórica con formación práctica, ao tempo que se facilita o seu acceso ao mercado laboral.

Dende o ano 1995, data na que se puxo en marcha este programa, máis de 17.000 alumnos universitarios completaron a súa formación académica con prácticas profesionais a través dos diferentes convenios asinados pola Confederación de Empresarios de Galicia. Estas cifras sitúan á entidade nun referente na relación empresa-universidade na comunidade galega.

Na actualidade a CEG xestiona tres modalidades de convenios de prácticas profesionais coa Universidade de Santiago e coa Universidade da Coruña, que abranguen a totalidade das titulacións impartidas en ámbalas dúas universidades.

No curso académico 2010-2011 un total de 639 alumnos accederon ao programa de prácticas profesionais da CEG dende diversas titulacións. A maioría dos estudantes corresponden á titulación de Administración e Dirección de Empresas, seguidos dos de Veterinaria, Dereito, Psicoloxía e Relacións Laborais.

Un total de 470 empresas participaron o ano pasado neste programa de prácticas. Como a maior parte dos alumnos proceden da titulación de Administración e Dirección de Empresas, a maioría emprégase no sector servizos. E, debido á versatilidade da súa fomación, as empresas son de todo tipo, dende consultorías ata despachos profesionais ou distribuidoras.

Tanto as empresas como os estudantes mostran a súa satisfacción pola participación neste programa

A Confederación de Empresarios de Galicia difunde, a través das súas organizacións territoriais e sectoriais e a todas as empresas interesadas, información sobre o desenvolvemento deste programa de prácticas profesionais, así como as condicións de acceso a cada un dos diferentes convenios que se asinan cada ano.

A metodoloxía de traballo e a documentación que se emprega nos procedementos xestionados pola CEG no marco destes convenios está integrada no proceso de certificación de calidade posto en marcha pola organización. Este proceso facilita a descrición e sistematización das tarefas que se levan a cabo, así como a aplicación de indicadores de seguimento e avaliación.

A CEG realiza unha enquisa de satisfacción entre as empresas usuarias deste servizo. Os resultados correspondentes ao ano 2011 foron moi satisfactorios, ao tratarse dunha iniciativa de interese tanto para as propias empresas como para os alumnos. Os estudantes consiguen un primeiro contacto profesional, que lles permite desenvolver as súas capacidades e aplicar os coñecementos que están a adquirir no seus estudos universitarios. E, pola súa parte, as empresas promoven a súa capacidade pedagóxica e contribúen a mellorar a empregabilidade dos mozos.