A CEG representará a Galicia no encontro empresarial hispano-portugués que comeza este martes en Oporto, no marco do cumio oficial entre Mariano Rajoy e o primeiro ministro de Portugal

palacio_bolsa_portoAbordaranse as perspectivas das reformas estruturais nas dúas economías e trataranse proxectos conxuntos nos sectores da enerxía e as infraestruturas

En 2011 as empresas galegas exportaron a Portugal produtos por valor duns 3.000 millóns de euros, un 19,5% máis que o ano anterior

A Confederación de Empresarios de Galicia participa no Encontro Empresarial Hispano-Portugués que arranca este martes, 8 de maio, en Oporto, no marco do cumio oficial bilateral entre o presidente do Goberno español e o primeiro ministro de Portugal. Galicia representa na actualidade a principal referencia nos intercambios comerciais entre España e o país luso.

Os actos comezan cunha xuntanza entre a CEOE (Confederación Española de Organizacións Empresariais) e a Confederación Empresarial de Portugal, na que se abordará a situación económica actual e as perspectivas das reformas estruturais en ambas economías. Nesta reunión, xunto co presidente da CEOE, Juan Rosell, e o dos empresarios portugueses, Antonio Saraiva, estará presente o presidente da CEG, Antonio Fontenla. E asistirá á mesma a ministra de Fomento, Ana Pastor, e o ministro de Economía de Portugal, Álvaro Santos.

O mércores trataranse os proxectos conxuntos nos sectores da enerxía e as infraestruturas, a cooperación empresarial transfronteiriza entre España e Portugal, así como a cooperación en terceiros mercados.

Os empresarios presentarán as conclusións do encontro nun acto ao que asistirá o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e o primeiro ministro portugués

As conclusións deste Encontro Empresarial presentaranse nun acto ao que asistirá o presidente de Goberno Español, Mariano Rajoy, xunto co primeiro ministro de Portugal, Pedro Passos Coelho. Ambos mandatarios intervirán ante os empresarios dos dous países.

Ademais da CEOE e da Confederación de Empresarios de Galicia, neste encontro participarán representantes das Confederacións de Empresarios de Andalucía, Castela León, Canarias e Estremadura. Tamén asistirán organizacións sectoriais do eido das tecnoloxías da información e as comunicacións, concesionarias de obras públicas, construción, sector eléctrico, e de loxística e transporte.

Relacións comerciais Galicia-Portugal

Durante 2011 as empresas galegas exportaron a Portugal produtos e servizos por valor de 2.984 millóns de euros, o que representa un incremento do 19,5% con respecto ao exercicio anterior. É a cifra máis alta das rexistradas entre ambos territorios, de xeito que Portugal é o segundo socio comercial de Galicia, cunha cuota do 17%. Estas exportacións supuxeron un total de 151.467 operacións comerciais.

En canto ás importacións, ascenderon a un total de 1.779 millóns de euros, a través de 73.478 operacións comerciais. Nesta liña, as compras galegas de produtos e servizos en Portugal rexistraron unha subida do 3,6% sobre o ano anterior. Estas cifras sitúan a Portugal no provedor principal das empresas galegas, cunha cuota do 12%.

Os sectores con maior peso na exportación galega a Portugal están a ser, polo seu valor económico, o dos combustibles, aceites e ceras minerais, con 825 millóns de euros durante 2011; os peixes e mariscos, con 292 millóns de euros; e o sector téxtil (prendas e complementos de vestir excepto as de punto), con 181 millóns de euros. Pola súa parte, os produtos que representan cantidades económicas máis elevadas nas importacións galegas a Portugal son a fundición, o ferro e o aceiro, con preto de 309 millóns de euros; as prendas e complementos de vestir de punto, con máis de 197 millóns de euros; así como os vehículos e os seus accesorios, con 189 millóns de euros.

Ademais, ao longo da última década, o país veciño está a ser o principal mercado inversor en Galicia, cun volume de 731 millóns de euros, o que supón un 37% do total. Este indicador rexistrou un excelente comportamento en 2011, ao multiplicarse por tres e alcanzar os 88,4 millóns de euros. Non obstante, o investimento galego en Portugal minguou en 2011, ao pasar dos 18,6 millóns de euros de 2010 aos 6,4 millóns de euros o ano pasado.