O presidente da CEG traslada a políticos e empresarios de Brasil, Uruguai e Chile o potencial de Galicia no sector naval, na construción civil e de vivenda e nas enerxías renovables

mission_webVén de participar nunha misión comercial organizada pola Unión Europea restrinxida a trinta empresas e entidades líderes en Europa

Destaca que a notable expansión que está a experimentar o consumo nestes países representa unha oportunidade de negocio para as empresas galegas

A Confederación de Empresarios de Galicia vén de participar na Mission for Growth, unha misión comercial organizada pola Comisión Europea de Industria e Emprendemento que tivo como destino Brasil, Uruguai e Chile. O presidente da CEG, Antonio Fontenla, integrou unha delegación multisectorial restrinxida a 30 empresas e entidades líderes en Europa, encabezada polo director xeral de Industria e Empresa da Comisión Europea, o español Daniel Calleja.

A participación da CEG nesta misión internacional permitiu intensificar os contactos que a entidade sostén coas organizacións empresariais de referencia en Brasil, Uruguai e Chile. O presidente tivo tamén a oportunidade de manter algún encontro con empresarios de orixe galega como foi o caso da Asociación de Empresarios Galegos en Uruguai, coa que a Confederación garda unha estreita relación. Ademais, Fontenla reuniuse con representantes das administracións dos tres países, en particular do Ministerio de Desenvolvemento, Industria e Comercio Exterior de Brasil; dos Ministerios de Asuntos Exteriores, Industria, Enerxía e Minería, e Turismo de Uruguai; e dos Ministerios de Economía, Minería, e Turismo de Chile.

A comercialización e a prestación de servizos técnicos

En relación ás oportunidades que se lles presentan ás empresas galegas para investir na rexión, o responsable da CEG destaca a comercialización e a prestación de servizos, sobre todo de carácter técnico. Non obstante, nos diferentes encontros bilaterais que Fontenla mantivo coas principais organizacións empresariais e coas administracións dos tres países, trasladoulles o coñecemento e a experiencia galega en sectores como a construción naval; a minería, en particular a extracción de pedra ornamental; a construción de infraestruturas e de vivenda; e o desenvolvemento enerxético, focalizado sobre todo en enerxías renovables como a eólica e a hidráulica.

Os tres países latinoamericanos están a impulsar importantes programas de ampliación e renovación  das súas infraestruturas de transporte e enerxéticas, así como de fomento da vivenda, que poden ofrecer oportunidades de colaboración para as empresas galegas. No caso concreto de Uruguai existe un grande interese tanto no ámbito gubernamental como privado por establecer liñas de colaboración co sector naval galego.

“O contacto con empresarios de Brasil, Uruguai e Chile permitiume confirmar que os intercambios que mantemos con estes tres países aínda ofrecen un importante percorrido” -manifesta Fontenla-. Nesta liña, o presidente resalta “a estabilidade macroeconómica que teñen alcanzado estes países, froito da aplicación de políticas ortodoxas, que contribuíron a sentar as bases dun crecemento sólido, polo que se lles abren novas necesidades”.

A poboación destes países está a ver incrementado o seu poder adquisitivo, o que favorecerá a presenza de empresas galegas na rexión

Antonio Fontenla destaca o fortalecemento da súa clase media e o crecente poder adquisitivo que presentan estes tres países como unha das principais claves do potencial que están a atesourar nestes momentos. “Esta tendencia continuará nos vindeiros anos, o que proporcionará importantes oportunidades de colaboración entre empresas latinoamericanas e españolas en xeral e galegas en particular -asegura o presidente da CEG- tal como me deron a entender os empresarios latinoamericanos cos que mantiven reunións ao longo desta misión internacional, en virtude da notable expansión que está a experimentar o consumo na rexión”.