Empresarios galegos reúnense esta tarde na CEG co embaixador de Polonia para abordar as oportunidades de negocio no país

polonia_webAsistirán empresas pertencentes aos sectores téxtil, TIC, enxeñaría, enerxías renovables e construción; sectores trascendentais no país polaco

Polonia preséntase como un dos principais destinos europeos para investir, cunha previsión de crecemento para este ano do 2,5%

En 2011 as empresas galegas exportaron a Polonia produtos por valor duns 283 millóns de euros

O embaixador de Polonia en España, Ryszard Schnepf, reunirase esta tarde, ás 17:00 horas na Confederación de Empresarios de Galicia, con empresarios galegos para abordar as oportunidades de negocio no país. Acompañará ao diplomático polaco o cónsul honorario de Polonia en Galicia, Juan Manuel Vieites. Ambos serán recibidos polo vicepresidente da CEG, Francisco Rodríguez. Os empresarios galegos que participan neste encontro pertencen aos sectores téxtil, ao das tecnoloxías da información e as comunicacións, á enxeñaría, ás enerxías renovables e á construción.

O país polaco preséntase como un destino atractivo para investir. Trátase dun mercado en expansión. Tanto é así que en 2009 Polonia foi o único país da Unión Europea con cifras positivas de aumento do PIB real, cun crecemento do 1,7%. En 2010 alcanzou unha taxa do 3,8%, só superada por Suecia. En 2011medrou un 4,3%. E a Comisión Europea prevé que este ano medrará un 2,5%. Con máis de 38 millóns de habitantes, representa un dos maiores mercados de Europa Central. Membro da UE dende 2004, é o principal receptor de fondos europeos, cun presuposto para o período 2007-2013 que ascende aos 67.300 millóns de euros.

No último ano as importacións polacas medraron un 22% e as exportacións un 20%. A balanza comercial obtivo un saldo deficitario de tan só un 3,8% do PIB, o que demostra que as súas exportacións seguen a gañar competitividade nos mercados europeos. Esta situación está propiciada polo fulgurante desenvolvemento da industria do país, en especial de sectores como a automoción e os electrodomésticos, nos que Polonia segue a mostrar vantaxes importantes fronte a outros países da rexión.

Principais sectores da economía polaca

Os sectores clave do país son as infraestruturas e a construción no eido público, o sector agroalimentario, os bens de consumo (moda, fogar, lecer e industrias culturais), a industria (en particular a automoción), os servizos (sobre todo as telecomunicacións) e a enerxía. A industria e a enerxía representan o 24,7% do PIB de Polonia e empregan ao 12,6% dos ocupados. Trátase dun país rico en recursos minerais naturais, en especial ferro, cinc, cobre e sal xema.

A Coruña é a provincia que máis exporta a Polonia, con preto de 136 millóns de euros en 2011; mentres que Pontevedra é a que máis importa, cuns 62 millóns de euros

En 2011 tanto as exportacións como as importacións entre Polonia e Galicia experimentaron un incremento notable. No caso das exportacións, superaron en 67 millóns de euros as cifras do ano anterior, o que supón un incremento do 30%. Pola súa parte, as importacións aumentaron un 13% con respecto a 2010.

Por provincias, A Coruña é a que máis exporta a Polonia, fronte a Pontevedra, que é a que máis importa. O volume de exportacións galegas a Polonia triplica as cifras correspondentes ás importacións. Así, en 2011 as empresas galegas exportaron a este país europeo produtos por valor duns 283 millóns de euros. A Coruña foi a provincia que máis exportou, cuns 136 millóns de euros. En segundo lugar, Pontevedra exportou uns 103 millóns de euros, Lugo algo máis de 38 millóns de euros e Ourense preto de 6 millóns de euros.

En canto ás importacións, as relacións de Galicia co país polaco supuxeron o ano pasado algo máis de 88 millóns de euros. Pontevedra foi a provincia que máis importou, con cifras que rondaron os 62 millóns de euros. En segundo lugar, os datos correspondentes á provincia da Coruña representaron preto dos 12 millóns de euros. Lugo importou a Polonia produtos por valor duns 9 millóns de euros. E Ourense superou os 6 millóns de euros.