A CEG, seleccionada pola Unión Europea para integrar unha delegación de 30 empresas e entidades líderes en Europa que participarán nunha misión comercial a Brasil, Uruguai e Chile

america_sur_webTrataranse de identificar novas oportunidades de negocio e diversificar a presenza das empresas galegas na rexión

A construción civil e de vivendas, as enerxías renovables, o naval e o turismo preséntanse como sectores potenciais de investimento nestes países

A Confederación de Empresarios de Galicia vai participar a vindeira semana na Mission for Growth, unha misión comercial organizada pola Comisión Europea de Industria e Emprendemento que ten como destino Brasil, Uruguai e Chile. Encabezará a comitiva o director xeral de Industria e Empresa da Comisión Europea, o español Daniel Calleja. Esta misión comercial arranca o luns 23 de abril en São Paulo e, tras pasar por Montevideo, rematará o venres 27 en Santiago de Chile. A construción civil e de vivendas, as enerxías renovables, o naval e o turismo preséntanse como sectores potenciais de negocio na rexión.

O presidente da CEG, Antonio Fontenla, integrará unha delegación multisectorial restrinxida a 30 empresas e entidades líderes en Europa. Figuran, entre outros, representantes de Francia, Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Italia, Polonia e Reino Unido. “É un orgullo que a Comisión Europea seleccionara á CEG para formar parte dunha misión de alto nivel e cunha participación acotada a un número tan limitado de empresas e organizacións empresariais. Esta elección supón un apoio moi relevante ao papel que a Confederación está a desempeñar para reforzar a internacionalización das empresas galegas” -manifesta o presidente da CEG-.

Coa súa implicación nesta importante iniciativa da Comisión Europea, a CEG tratará de profundizar nas relacións comerciais que existen entre Galicia e os tres países latinoamericanos, identificar novas oportunidades de negocio e de investimento mutuo e diversificar a presenza do tecido empresarial galego na rexión. É un paso máis na liña de esforzos que está a realizar a entidade co propósito de abrir e reforzar a saída ao exterior das empresas da comunidade, a través de servizos como a Rede de Plataformas Empresariais no Exterior (Rede Pexga) ou o Servizo de Licitacións Internacionais (SALT), xunto cunha completa axenda de contactos institucionais a tódolos niveis.

Contacto coas principais organizacións empresariais dos tres países

En cada un destes países manterase contacto coas súas principais organizacións empresariais. Ademais, a comitiva asistirá en Uruguai a un seminario organizado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Minería, así como a unha ronda de contactos bilaterais con empresas e representantes empresariais do país. En Chile participará nun seminario impulsado por EuroChile (entidade que promove os vínculos económicos, comerciais e tecnolóxicos entre empresarios da UE e os empresarios e institucións públicas e privadas chilenas), nun acto organizado polo Ministerio de Economía e nunha ronda de contactos con empresas locais.

Por outro lado, manteranse xuntanzas cos conselleiros comerciais dos Estados Membros da Unión Europea e con representantes das Cámaras de Comercio bilaterais en cada un dos países. Celebraranse rondas bilaterais de contactos con emprendedores e haberá encontros con axencias de investimento locais. En particular, en Brasil contactarase co Banco Nacional de Desenvolvemento Económico e Social e co Servizo Brasileiro de Apoio ás Micro e Pequenas Empresas.

En 2011 as exportacións galegas a Brasil ascenderon a 167 millóns de euros

Brasil constitúe o principal mercado de América Latina e representa a sexta economía do mundo. As exportacións de Galicia a Brasil teñen aumentado a bo ritmo na última década. Durante 2011 as exportacións a este país proporcionaron ás empresas galegas 167 millóns de euros, cunha taxa de cobertura do 193%. Entre os produtos con maior peso destaca o automóbil, que aporta un 42% do valor total exportado, a confección feminina (15%) e os compoñentes de automoción (13%).

A taxa de cobertura con Uruguai é moi elevada, situándose no 325,26% en 2011

A balanza comercial mostra un aumento tanto das exportacións -que durante o ano pasado propocionaron uns beneficios de 20 millóns de euros- como das importacións. O saldo comercial é sempre positivo para Galicia e a taxa de cobertura é moi elevada, situándose no 325,26% en 2011. Os sectores máis relevantes na exportación galega con destino a Uruguai son a pesca, que aporta un 25% do valor total exportado, o téxtil (14%) e a maquinaria (5%). Destaca así mesmo a importancia do sector naval, pola oportunidade que representa o seu particular réxime fiscal para Galicia, xa que tanto a importación de materiais necesarios para a construción de estaleiros, diques e varadoiros, como a propia actividade de construción naval, están exonerados de todo gravame. Outro sector de interese é o das enerxías renovables.

As exportacións a Chile estanse a incrementar de xeito progresivo nos últimos anos

Chile asinou en 2003 un acordo coa Unión Europea, destinado ao progresivo desarme arancelario do país, de xeito que na actualidade o 90% dos produtos non teñen restrición de entrada. A balanza comercial mostra un aumento continuo das exportacións galegas a Chile -que aportaron 68 millóns de euros ás empresas galegas o ano pasado-, ao tempo que tamén se incrementan as importacións de orixe chilena -con máis de 78 millóns de euros en 2011-. Nesta liña, o saldo comercial é sempre negativo para Galicia, cunha taxa de cobertura do 86% en 2011. En canto aos sectores con maior peso na exportación galega a Chile, destacan os automóbiles, que aportan un 34% do valor total exportado, máquinas e aparatos mecánicos (17%) e o téxtil (16%).