A CEG traballa con 433 empresas galegas para introducilas no mercado das licitacións públicas internacionais

licitaciones_webCunha previsión de alcanzar as 500 a finais de ano

As firmas galegas conseguiron 23 contratos neste mercado en 2011, cun incremento do 92% con respecto ao ano anterior

O volume de negocio ascendeu aos sete millóns de euros

Co propósito de reforzar a presenza exterior das empresas galegas, o Servizo de Licitacións Internacionais (SALT) da Confederación de Empresarios de Galicia está a favorecer, dende hai catro anos, a súa entrada no mercado das contratacións promovidas polos organismos multilaterais de desenvolvemento. Trátase en particular das axencias das Nacións Unidas, dos organismos financeiros da Unión Europea e dos bancos de desenvolvemento, que son os que financian proxectos cuxa finalidade é promover o desenvolvemento económico dunha determinada rexión ou grupo de países. Nesta iniciativa, pioneira no ámbito nacional, colabora a Xunta de Galicia a través do Igape.

Na actualidade a CEG presta os seus servizos neste eido a 433 empresas, das cales 31 incorporáronse durante o primeiro trimestre deste ano. En 2011 ingresaron un total de 116 firmas, o que representa un incremento do 41% con respecto ao exercicio anterior. Dende a Confederación agardan continuar con este ritmo de crecemento nos vindeiros meses e superar as 500 empresas rexistradas a finais de ano. Nesta liña, o presidente da CEG, Antonio Fontenla, declara que “nos últimos tempos temos notado un crecente interese por parte das empresas galegas en aproveitar as oportunidades que ofrece este oco específico do mercado internacional. A Confederación colabora cun número cada vez maior de empresas e as consultas atendidas incrementáronse tamén de xeito notable, sobre todo no primeiro trimestre de 2012”.

Os contratos asinados en 2011 centráronse nos sectores das TIC, obras públicas, administración pública, medio ambiente, enerxía e minería

Ao longo de 2011 as empresas galegas conseguiron un total de 23 contratos no mercado das licitacións públicas internacionais, centrados en particular no eido da consultoría e dos servizos. Esta cifra supón un incremento do 92% con respecto ao ano anterior, no que se obtiveron 12 adxudicacións. Os contratos asinados dirixíronse aos sectores das tecnoloxías da información e as comunicacións; construción, enxeñaría e obras públicas; administracións públicas e modernización do Estado; medio ambiente, recursos naturais e cambio climático; e enerxía e minería.

O volume de negocio acadado polas firmas galegas o ano pasado ascendeu aos sete millóns de euros. Dende a creación deste servizo en 2008 as empresas galegas conseguiron preto de cen millóns de euros en licitacións. Destacan os resultados obtidos en 2010 (50 millóns de euros), debido a que neste exercicio boa parte dos contratos asinados estaban destinados á realización de grandes infraestruturas e, polo tanto, representaban contías moi elevadas.

Un mercado que xera cada ano 124.000 millóns de dólares

As licitacións internacionais son mecanismos por medio dos cales os organismos e as institucións multilaterais de desenvolvemento poñen en práctica as súas políticas de cooperación. Neste eido, os contratos destínanse á construción de obras civís, á subministración de bens ou á prestación dun servizo, á realización de estudos de viabilidade, estudos técnicos detallados, estudos de impacto ambiental, control e seguimento de obras ou asistencias técnicas.

As licitacións públicas internacionais xeran cada ano un volume de negocio que alcanza os 124.000 millóns de dólares. Dende a CEG destacan que as posibilidades que se ofrecen neste mercado son “accesibles e atractivas para as nosas compañías”. E resaltan que “a empresa que se internacionaliza benefíciase das vantaxes que lle reportan as súas vendas no estranxeiro”. Nesta liña, indican que incrementa o número de clientes, mellora a súa produtividade, diversifica riscos, pode recibir axudas públicas vencelladas ás exportacións, aumentar a formación e a preparación do persoal interno, ademais de mellorar a súa imaxe de marca.

A CEG facilita que os gobernos e institucións estranxeiras coñezan os produtos e servizos que ofrecen as empresas galegas

A través deste servizo a CEG proporciona información sobre as oportunidades de negocio que se lles ofrecen ás pemes galegas neste eido específico da internacionalización, así como datos sobre as estratexias e os proxectos que teñen previsto levar a cabo os organismos multilaterais a medio prazo. Así, as empresas dispoñen dos datos e das ferramentas necesarias para preparar as licitacións ás que desexen presentárense, xunto co asesoramento preciso en cada caso. Ademais, a Confederación pon a disposición das empresas un espazo na súa web (www.salt.ceg.es) para que os seus produtos e servizos sexan coñecidos por gobernos e institucións estranxeiras dunha forma directa e sinxela.

Entre outros servizos, a través do Salt a CEG proporciona ás empresas galegas formación destinada a capacitar ao seu persoal técnico para operar no mercado das licitacións internacionais. Ademais, ofrece información actualizada sobre as convocatorias de emprego nas institucións e organismos multilaterais de desenvolvemento. E dá a coñecer o potencial exportador das empresas galegas ante o corpo consular dos países prestameiros e o persoal directivo das principais institucións e organismos multilaterais.