A Confederación de Empresarios de Galicia réndelle homenaxe ao seu presidente fundador, Álvaro Rodríguez Eiras, no 30 aniversario da organización

eiras_fontenla_webLogo da súa participación na constitución da CEG, en 1981, foi designado o seu primeiro presidente

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) celebra o seu 30 aniversario. Con este motivo, o vindeiro 9 de novembro, a entidade organiza o Foro Empresarial – Claves para a Recuperación Económica, que reunirá no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a unha elevada representación do empresariado da comunidade. Este foro, no que se analizará a eficacia das medidas adoptadas ata o momento para facer fronte a crise e se presentarán unha serie de propostas para a reactivación da economía, servirá de marco para renderlle homenaxe ao presidente fundador da CEG, Álvaro Rodríguez Eiras.

O daquela presidente da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) participou, nos primeiros meses de 1981, no proceso de constitución da CEG e foi nomeado o seu primeiro presidente. Segundo Rodríguez Eiras, a CEG botou a andar hai trinta anos con dous obxectivos claros: “convencer ós empresarios de que era necesario contar cunha organización representativa dos seus intereses ante o novo escenario autonómico que se estaba a crear” e “prestixiar a figura do empresariado”, nun momento no que o seu papel de creadores de emprego e riqueza non tiña a consideración merecida.

Tras tres décadas de existencia, a actual directiva da CEG, co seu presidente á fronte, quere recoñecer o seu labor desenvolvido por Rodríguez Eiras naqueles anos “fundacionais”, nos que “estaba todo por facer”, como describiu graficamente Fontenla, e nomealo presidente fundador. Así, no transcurso do acto, no que se contará coa presenza dos presidentes da Xunta de Galicia e da CEOE, entregaráselle a primeira insignia corporativa da CEG.

Unha prolongada traxectoria profesional

Álvaro Rodríguez Eiras nace o 4 de abril de 1932 no concello lucense de Meira. Con tan só 29 anos é nomeado alcalde de Meira, cargo que desempeña durante cinco anos. En 1971 crea Aresa, o seu primeiro centro de distribución de fertilizantes e cereais, en Lugo, na actualidade con implantación en toda Galicia.

A partir de 1975 o empresario preside o Club Político de Lugo, entidade creada para atraer cara á capital lucense aos principais líderes políticos do principio da democracia, co propósito de que desen a coñecer as correntes ideolóxicas que defendían. O Club clausurouse ao celebrárense as primeiras eleccións democráticas.

Rodríguez Eiras participou de maneira activa na constitución da Confederación de Empresarios de Galicia, converténdose no seu primeiro presidente. Ademais, foi tamén cofundador e primeiro presidente da Confederación de Empresarios de Lugo.

Na actualidade é presidente do Grupo Aresa, formado tamén por Granova Cereales e Todocampo, a maior cadea de tendas de agricultura e xardinería de toda Galicia. Xunto coa súa empresa participada Soaga, Aresa é líder da distribución de fertilizantes na metade norte de España e Portugal. A facturación total do Grupo ascende aos 200 millóns de euros anuais. E conta con máis de 300 traballadores directos. No ano 2000 Rodríguez Eiras creou, en colaboración coa Universidade de Santiago, o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que este ano celebra a súa duodécima edición.

Rodríguez Eiras foi condecorado coa Insignia de Ouro da Universidade de Santiago e coa Medalla de Ouro da Confederación de Empresarios de Lugo. O vindeiro 9 de novembro, no transcurso do Foro Empresarial – Claves para a Recuperación Económica, a CEG nomearao Presidente fundador.

Os presidentes da CEG

Ao longo destes trinta anos a Confederación de Empresarios de Galicia tivo un total de cinco presidentes. Álvaro Rodríguez Eiras presidiu a entidade entre 1981 e 1982. O seu sucesor foi Emilio Pérez Nieto, que se mantivo no cargo dende o ano 1982 ata 1984. Seguiuno José Pablo Rodríguez-Martiñán Martínez, xa falecido, que foi presidente da Confederación entre 1984 e 1990. Antonio Ramilo Fernández-Areal, tamén falecido, presidiu a organización entre os anos 1990 e 2000. O actual presidente, Antonio Fontenla Ramil, ocupa o cargo dende o ano 2001, no que é o seu terceiro mandato.