A Cámara de Comercio de Santiago organiza unha misión comercial a Israel en maio, un mercado de grande interese para Galicia

IsraelAs exportacións galegas aumentaron o seu valor en máis dun 62% no último ano

Produtos como roupa, viño, conservas ou aceite de oliva teñen boa acollida no país

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, dentro do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga) que patrocina a Consellería de Economía e Industria, organiza unha misión comercial directa a Israel entre os días 4 e 9 de maio. As empresas interesadas en participar nesta acción de internacionalización poderán inscribirse ata o mércores, 27 de marzo.

Nos últimos anos aumentaron considerablemente as exportacións da Unión Europea a Israel, cun incremento en 2011 do 22 por cento. En concreto, as exportacións de Galicia a Israel aumentaron o seu valor en máis dun 62 por cento en 2012 respecto ao ano anterior. Os produtos máis exportados por Galicia a Israel foron as prendas de vestir, produtos farmacéuticos, madeira e mobles. “É un mercado de grande interese para as empresas galegas” – indicou Loly Villoch, técnico de internacionalización da Cámara de Comercio de Santiago –.

A imaxe dos produtos españois é boa e os gustos e a forma de ser entre ambos países similares. A demanda de toda clase de bens de consumo é alta e os produtos españois como roupa, viño, conservas de pescado ou aceite de oliva teñen boa acollida. Ao ser unha economía en crecmento cun sector inmobiliario en alza, os produtos de sectores relacionados coa edificación tamén son de interese, como os materiais de construción ou o mobiliario. Ademais, o mercado israelí presenta oportunidades no ámbito das enerxías renovables, especialmente no campo da enerxía solar.

Contexto socioeconómico

Israel é un mercado de sete millóns e medio de habitantes, dos que seis millóns son xudeos. Trátase dun país desenvolto con boas perspectivas económicas e un perfil poboacional bastante igualitario, con hábitos de consumo similares aos doutros países occidentais e baixos niveis de desemprego. Ademais, Israel posúe unha estrutura empresarial moi dinámica e é un dos países de referencia a nivel tecnolóxico.

Este país de Oriente Próximo non estivo moi afectado pola crise destes últimos anos e converteuse na economía máis importante da zona, por diante de Exipto, Arxelia ou Marrocos, cun PIB que creceu un 4,7% en 2011 con baixos niveis de inflación.

As empresas interesadas en recibir información sobre este tipo de accións de internacionalización deben facelo a través do Departamento de Promoción Internacional da Cámara de Comercio de Santiago (Tel: 981 59 68 00).