A Cámara de Comercio de Santiago valora positivamente os resultados e contactos do encontro empresarial da feira ITB de Berlín

Stand_GaliciaParticiparon seis empresas do sector turístico de Compostela

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, dentro do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga) patrocinado pola a Consellería de Economía e Industria, asistiu a semana pasada á feira turística máis importante do mundo, a ITB 2013 Berlín, organizando un encontro empresarial no que participaron seis empresas de Santiago: Hostelería Compostela, Hotel Los Abetos, Hotel San Lázaro, Galicia Incoming- Viajes Viloria, Hotel Spa A Quinta da Auga e NH Hotelera Noroeste. Os asistentes amosaron o seu agrado polos resultados acadados durante os tres días de asistencia á feira turística máis valorada polos profesionais do sector para a captación de novos mercados, ademais de “conseguir contactos positivos para o sector compostelán”, indicou Loly Villoch, técnico de internacionalización da Cámara de Comercio.

Segundo o director de comunicación de Hostelería Compostela, Aser Álvarez, o seu obxectivo foi establecer contactos con turoperadores e asociacións xacobeas europeas. “Procurei establecer novos contactos e abrir mercados grazas a produtos innovadores adaptados á demanda, ademais de mostrar o enorme potencial da planta hoteleira e de restauración de Santiago de Compostela e da súa comarca” –indicou–.

O propósito doutro dos participantes no encontro, o director do Hotel Los Abetos, Pablo Barreiro, foi establecer contactos con touroperadores novos que traballan grupos turísticos, ademais de “atopar algún partner ou representación comercial para mover e posicionar mellor o noso produto no mercado alemán”. A finalidade da súa viaxe foi achegarse ao mercado alemán e aos países da súa contorna, ademais de buscar outros países que teñan demanda dos destinos turísticos de Compostela, o turismo relixioso, o Camiño de Santiago ou os turismos cutural e gastronómico.

Por outra parte, o director do Hotel San Lorenzo, Carlos Tardáguila, viaxou coa intención de contactar con novos touroperadores alemáns que traballan co turismo relixioso cara a Santiago de Compostela, ademais de buscar novos clientes de Austria e Holanda.