A Cámara de Comercio de Santiago renova un ano máis co Concello de Boiro o convenio para manter no municipio unha antena local de servizos e asesoramento empresarial

asoreydiesteA entidade cameral e a corporación aportan un 20% e o Fondo Social Europeo o 80% do seu financiamento

Jesús Asorey, presidente da Cámara de Comercio:

“A Antena Local de Boiro é un servizo próximo, xestionado por un técnico presencial que canaliza as demandas para proxectos e programas formativos da zona”

Juan José Dieste, alcalde de Boiro:

“O acordo serve para potenciar a actividade económica da comarca, orientando as nosas empresas en formación, asesoramento e busca de emprego”

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela asinou esta mañá co Concello de Boiro a renovación do convenio de colaboración para o desenvolvemento do Programa Antenas, Servizos de proximidade para a pequena e mediana empresa a todos os concellos da mancomunidade Arousa Norte. O acordo, que se celebrou na sala de xuntas do consistorio boirense, foi rubricado polo presidente cameral, Jesús Asorey, e o alcalde de Boiro, Juan José Dieste. Ademais, no acto estiveron presentes o secretario Xeral da Cámara de Comercio, Fernando Barros, e a responsable da Antena Local, Sandra Becerra. O convenio, que comezou a executarse en 2004, estará vixente ata decembro de 2013. Con respecto ao financiamento da Antena, a Cámara e as entidades locais cofinancian o 20 por cento dos custos (10 por centro tanto a Cámara de Comercio como o Concello). Pola súa parte, o Fondo Social Europeo aporta o 80 por cento restante.

Jesús Asorey explicou que se trata dun convenio para todo o Barbanza –concellos de Borio, Ribeira, Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Porto do Son–, financiado e aloxado polo municipio boirense para todos eles. “Nestes tempos complicados é necesario formación e o asesoramento para todas as empresas. A Antena Local de Boiro é un servizo próximo, xestionado por un técnico presencial que canaliza as demandas para proxectos e programas formativos da zona” –indicou o presidente cameral–.

Pola súa parte, Juan José Dieste destacou a importancia para a vila de Boiro de continuar con este acordo, para o que o concello aportou 6.651 euros. “O convenio serve para potenciar a actividade económica da comarca, orientando as nosas empresas en formación, asesoramento e busca de emprego” –dixo–. Ademais, Dieste lembrou que a antena é un servizo que xestiona un observatorio económico cos diversos axentes socioeconómicos da comarca do Barbanza, onde se elabora un Indicador de Confianza Empresarial (ICE-Barbanza) que analiza e diagnostica os seus problemas empresariais.

O Programa Antenas consiste na creación dunha sólida rede de antenas ou puntos locais para promover o acceso igualitario de todas as pemes á rede de servizos empresariais que prestan as Cámaras; superar as barreiras que impón a distancia na creación das pequenas empresas; e mellorar o grao de información existente sobre as necesidades e as opinións das pemes, establecendo unha rede territorial de Observatorios Económicos Locais.

A oferta de servizos ofrecida nas antenas está constituída pola dispoñible actualmente nos programas activos da Cámara de Comercio de Santiago, tanto de carácter presencial como servizos on line, así como os servizos que se poñan en marcha.

O Programa Antenas foi designado polo Fondo Social Europeo como exemplo de boas prácticas, destacado pola súa actuación de carácter pioneiro e de gran complexidade, ao poñer en funcionamento un amplo conxunto de servizos, personalizados á realidade de cada territorio, no que se involucran activamente multitude de axentes de carácter público e ao que se asocia a participación de actividades privadas e das propias empresas.