A Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio ofrecerá o xoves unha xornada gratuíta sobre xestión enerxética nas organizacións, na Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal

gestin-energticaA sesión, impartida pola empresa Geicom, está dirixida a todos os consumidores e empresas interesadas en ter unha visión ordenada do panorama enerxético actual

A Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organiza o xoves, 7 de marzo, unha xornada gratuíta sobre xestión enerxética nas organizacións, promovida pola empresa Geicom –instalada no viveiro empresarial da Cámara situado no polígono de Costa Vella de Santiago–. Esta acción formativa celebrarase na Asociación de Empresarios da Pobra do Caramiñal (rúa Godello 3, baixo) entre as 20:30 e as 21:30 horas, e estará impartida polos responsables da empresa, Alfredo Amigo Santasmarinas e Fernando Balado Castro. A charla está dirixida a todos os consumidores, usuarios e persoas con responsabilidade en empresas que queiran ter unha visión ordenada do panorama de servizos enerxéticos actuais.

A xornada ofrecerá unha visión da situación actual e das perspectivas do sector enerxético. Exporanse as diferencias entre distintos servizos que se prestan na actualidade baixo diversas terminoloxías, como aforro enerxético, eficiencia enerxética, xestión ou auditoría enerxéticas, e tamén estudos, diagnósticos ou ESE’S e ESCOS. Ademais, analizaranse as claves dunha axeitada xestión enerxética, como “o camiño ideal para alcanzar os obxectivos de aforro” marcados pola organización, –explican desde a empresa.

Geicom é unha empresa de recente creación, pero que conta cunha dilatada experiencia no ámbito da xestión enerxética. A súa plantilla está formada por técnicos cualificados que desenvolven a súa actividade neste ámbito a nivel local ou rexional. A empresa ten vocación de dar servizo a todas as persoas que cren na xestión enerxética como “unha ferramenta necesaria para o control de consumos e redución de custos” – indican os responsables da empresa. Entre os servizos que ofrece está a asesoría enerxética, certificados enerxéticos, Inspeccións Técnicas de Edificación (ITE’s) ou xestión de obras.