A Cámara de Comercio de Santiago lanza tres cursos formativos sobre contabilidade, atención ao cliente e comunicación empresarial

contabilidadImpartiranse a semana próxima nas aulas formativas da entidade

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela impartirá a semana próxima tres cursos formativos relacionados coa contabilidade, atención ao cliente e comunicación empresarial. O luns, 11 de marzo, a entidade cameral inaugurará nas súas aulas formativas un curso de contabilidade financeira informatizada onde os alumnos adquirirán coñecementos para levar as contas dunha empresa.

O curso está dirixido a persoas con coñecementos contables, que desexen realizar unha aplicación práctica dos mesmos. Durante o curso, ademais de aprender a manexar un programa informático, os participantes comprobarán a casuística contable dunha empresa en funcionamento, o que lles permitirá obter os coñecementos para poder realizar a contabilidade dunha empresa real. O programa informático utilizado será GLCon de Glasof. Os alumnos poderán ter acceso á versión de proba durante tres meses. Esta actividade estenderase ata o 22 de marzo, en horario de 20:00 a 22:00 horas.

A segunda cita formativa da semana será o curso de atención ao cliente, que dará comezo o luns, 11 de marzo. Grazas a este curso, os alumnos estarán preparados para acometer unha correta atención ao cliente, comprender as súas necesidades e atendelas da mellor maneira posible. O obxecto da formación é coñecer a importancia que unha comunicación satisfactoria ten no desenvolvemento dun traballo, dando a máxima importancia á calidade no ámbito laboral. O curso impartirase ata o 4 de abril, en horario de 20:00 a 22:00 horas.

Ademais, a Cámara de Comercio inaugurará un seminario sobre técnicas de comunicación o mércores-13. Co subtítulo “Aprender a comunicar para ser efectivos”, esta actividade está dirixida a persoas que desexen mellorar as súas comunicacións cos demais no ámbito profesional ou persoal.

O seminiario persegue ofrecer recursos para unha exposición oral eficaz tratada desde o seu aspecto escénico, identificar os hábitos que interfiren na comunicación, potenciar o estilo persoal para lograr maior impacto e controlar o medo á exposición e o manexo da espontaneidade. As clases desenvolveranse en horario de 10:00 a 14:00 horas.