A incubadora da Cámara de Comercio de Santiago ofrece o luns unha sesión sobre técnicas de comunicación empresarial

comunicarA formadora Paula Fernández de Pisa impartirá esta xornada entre as 9:00 e as 14:00 horas

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella. Rúa República Checa, 40) organiza unha sesión formativa gratuíta, titulada “Do laboratorio ao mercado”, unha xornada promovida pola Cámara de Comercio de Oviedo, en colaboración coas Cámaras de Comercio de Santiago e Zaragoza, as Universidades de Santiago e Oviedo e financiado polo Ministerio de Industria, Energía y Turismo. Celebrarase este luns, 4 de marzo, entre as 9:00 e as 14:00 horas. A responsable de impartir esta xornada será Paula Fernández de Pisa, da consultora Pisa. Proyectos de Innovación.

O obxectivo da xornada é mellorar as capacidades comunicativas dos emprendedores, aprendendo a presentar os seus proxectos cunha visión innovadora para incrementar o seu atractivo ante organismos de financiamento. Segundo explica Paula Fernández, para transmitir de forma correta e efectiva os servizos ou produtos dunha empresa a un futuro cliente é preciso controlar as habilidades comunicativas, manexar a comunicación verbal e non verbal para dar a coñecer as ideas. “Para lograr que unha reunión de negocios sexa efectiva é necesario fixar os conceptos e habilidades de comunicación” –indica a experta–.

 

Nun proceso de negociación o máis significativo segundo a formadora Paula Fernández é coñecer os elementos fundamentais, asegurarse de ter un perfil de negociador eficaz para aplicar as principais técnicas e fases co obxecto de alcanzar un acordo exitoso. Este éxito na negociación é froito, segundo relata Paula Fernández, do uso dunha linguaxe axeitada para o público obxectivo e unha presentación do proxecto moi dinámica pensada para vender o produto.

Xestión da diversidade na empresa

Por outra parte, o viveiro de empresas cameral celebrará o vindeiro mércores-6 unha xornada formativa sobre a xestión da diversidade na empresa. A técnico de emprego de Cruz Roja, Sandra López, será a encargada de impartir este seminario de 20:00 a 22:00 horas. Está dirixido a persoas relacionadas co mundo da empresa como emprendedores, xerentes ou persoal dedicado á xestión de recursos humanos.

 

Nun marco de inestabilidade económica, cambios continuos e aumento da competividade nun mercado globalizado, só as empresas con capacidade de adaptarse e os mellores traballadores estarán en condicións de sobrevivir. “A xestión da diversidade é unha estratexia fundamental como ferramenta idónea para a retención do talento nas empresas” –apunta Sandra López–.

Os obxectivos da xornada son definir e aclarar conceptos relacionados coa responsabilidad social e a xestión da diversidade, comprender a importancia de xestionar axeitadamente a diversidade existente na plantilla dunha empresar e desenvolver propostas de acción concretas para aplicar a gestión da diversidade nas pemes.