A Cámara de Comercio de Santiago acolleu onte a entrega de diplomas de dez cursos de comercio exterior realizados en colaboración coa Axencia Local de Colocación

diploma_exteriorA Cámara de Comercio de Santiago acolleu onte martes a entrega de diplomas dos cursos de comercio exterior realizados pola entidade cameral en colaboración coa Axencia Local de Colocación. O acto estivo presidido polo presidente da Cámara, Jesús Asorey; a concelleira María Castelao; e o secretario xeral da Cámara, Fernando Barros.

O presidente Asorey fixo referencia ao traballo e esforzo da entidade en materia de internacionalización. “Actualmente o comercio exterior é máis importante e imprescindible ca nunca para as empresas” –indiou Jesús Asorey–. A Cámara de Comercio de Santiago leva máis de vinte anos traballando para apoiar ás empresas galegas no seu camiño exportador. No ano 1992 comezou a funcionar o Plan de Fomento das Exportacións Galegas, o Foexga, froito dun convenio anual entre as Cámaras de Comercio e a Xunta de Galicia. Dentro deste plan, a Cámara xestiona misións directas e inversas, misións de exposición, a asistencia a feiras, a participación en encontros empresariais ou a promoción de negocios en mercados exteriores. Neste tempo, alcanzouse unha media anual de 1.200 empresas participantes no Foexga.

A edil referiuse na súa intervención á necesidade de "redoblar os esforzos para impulsar o deseño de itinerarios que permitan dotar de maiores competencias profesionais ás persoas en situación de desemprego, a fin de mellorar as súas oportunidades de acceso a un posto de traballo.

"O Concello de Santiago ten como un dos seus obxectivos principias o de potenciar a empregabilidade das persoas mediante a formación, a reciclaxe e a adaptación dos traballadores e traballadoras ás necesidades cambiantes do mercado de traballo", dixo. Con este obxectivo, engadiu María Castelao, "é preciso achegar medios que garantan o fomento daquelas competencias que mellor se adecúan ás necesidades demandadas polos sectores productivos, dando así unha resposta ás necesidades do tecido empresarial e, simultaneamente, xerando oportunidades de emprego para as persoas desocupadas, mediante a realización de diversas acción formativas que proporcionen a capacitación en ámbitos e perfis profesionais que ofertan na actualidade mellores perspectivas de crecemento económico e de emprego, como son os referidos ao comercio exterior".

Nesta cerimonia entregáronse os diplomas aos máis de 200 alumnos participantes nos dez cursos de comercio exterior realizados durante o segundo semestre de 2012. As materias impartidas foron:

- Curso de entorno internacional e comercializacion en comercio exterior.

- Curso de finanzas en comercio exterior.

- Curso de loxística en comercio exterior.

- Curso de fiscalidade en comercio exterior.

- Curso de negociación, contratación e tecnoloxías da información en comercio exterior.

- Curso de marketing e xornada de coaching: ferramenta para o éxito.

- Taller de habilidades e obstáculos clave na exportación.

- Taller de internacionalización empresarial: a problemática na expatriación de traballadores.