A Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio de Santiago celebra un taller gratuíto sobre ideas de negocio innovadoras

tormentaOs participantes recibirán nocións para crear tormentas de ideas, analizar a viabilidade e planificar a posta en marcha dunha empresa

A xornada impartirase o próximo xoves no Centro Social de Boiro a cargo da formadora Paula Fernández de Pisa, entre as 9:00 e as 14:00 horas

A Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio de Santiago organiza un taller formativo gratuíto sobre a creatividade como motor da innovación, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Celebrarase o vindeiro xoves, 28 de febreiro, no Centro Social de Boiro, situado na rúa Principal, s/n, entre as 9:00 e as 14:00 horas. A responsable de impartir esta xornada será Paula Fernández de Pisa, da consultora Pisa. Proyectos de Innovación. Este taller está promovido pola Cámara de Comercio de Oviedo, en colaboración coas Cámaras de Comercio de Santiago e Zaragoza, baixo o financiamento do Ministerio de Industria, Energía y Turismo.

A finalidade desta xornada presencial é dotar ao participante de recursos suficientes para buscar ideas de negocio novidosas e creativas, para proxectos de I+D, e atopar novas formas de comercialización, adaptando, mellorando ou ampliando a súa carteira de produtos e servizos e empregando novas vías de chegada aos clientes.

A formadora Paula Fernández explicará as principais técnicas de xeración de ideas, centradas na tormenta de ideas como estandarte do proceso creativo actual a través de casos prácticos, relacións forzadas, analoxías ou solución de problemas analizando defectos. “Lógrase que os participantes coñezan en que consiste o proceso creativo e de que ferramentas dispoñen para mellorar a súa capacidade de xerar ideas, rompendo coas vías tradicionais do pensamento” –indica Paula Fernández–. O segundo paso do taller será analizar as ideas e comprobar a súa viabilidade. Finalmente, os participantes terán que planificar a posta en marcha das ideas válidas, cunha previsión do crecemento futuro por medio da apertura de novos mercados, conseguindo un recoñecemento nacional e internacional e fidelizando e aumentando os clientes.