O viveiro da Cámara de Comercio de Santiago ofrece un seminario de coaching, unha ferramenta clave para alcanzar o éxito profesional

Anhoa_MalloAïnhoa Mallo, experta en coaching:

“No marco económico actual, caracterizado por unha profunda desorientación e falta de motivación, o coaching aporta enfoque e actitude positiva”

A xornada celebrarase o próximo mércores a partir das 10:00 horas

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella. Rúa República Checa, 40) ofrecerá o vindeiro mércores, 27 de febreiro, un seminario de Coaching: ferramenta para o éxito. Esta xornada, que se celebrará entre as 10:00 e as 14:00 horas, estará impartida pola coach certificada, experta en talento e reorientación laboral e en comercio exterior, Aïnhoa Mallo, que achegará aos participantes esta ferramenta orientada a mellorar as súas habilidades e enfocada para conseguir os seus obxectivos empresariais.

Aïnhoa Mallo explica que o coaching é un proceso onde un observador externo acompaña á persoa para saber cal é o seu obxectivo laboral e averiguar porque aínda non o alcanzou. “No marco económico actual, caracterizado por unha profunda desorientación e falta de motivación, o coaching aporta enfoque e actitude positiva para crear valores que axuden a alcanzar novos obxectivos” –sinala–.

Segundo Mallo, este seminario vai máis alá do coaching e introdúcese no que a experta denomina Co:walking, unha especialidade clave para asegurar o éxito profesional. Trátase dunha viaxe en tres etapas principais que permite á persoa chegar desde a situación actual ata a desexada a través da fixación do obxectivo e a análise do punto de partida (diagnóstico de situación), a fase de desbloqueo para definir os obstáculos e atopar o xeito de superalos, e finalmente o plan de acción.

O coaching proporciona, no ámbito profesional, o desenvolvemento das persoas de maneira eficaz e estruturada. “Partindo do potencial interno de cada persoa, o coaching aporta novas visións e formas distintas de facer as cousas para alcanzar as metas e resultados desexados” –apunta Aïnhoa Mallo–. Entre outras, o coach traballará en ámbitos como reorientación profesional, conexión co talento interno, habilidades de comunicación, xestión do tempo ou intelixencia emocional.