A Cámara de Comercio inaugura o luns tres cursos sobre o manexo de bases de datos, marketing comercial e xestión de pemes

gestionA Cámara de Comercio de Santiago de Compostela impartirá desde o próximo luns, 25 de febreiro, tres cursos formativos para as empresas das súa demarcación cameral, que poderán beneficiarse de descontos de ata o 30 por cento, ao igual que as persoas en situación de desemprego. O primeiro dos cursos que organiza a Cámara de Comercio de Santiago é sobre o manexo de bases de datos co programa informático Access. Esta actividade formativa de novas tecnoloxías impartirase ata o vindeiro 7 de marzo nas instalacións da propia entidade cameral (rúa San Pedro de Mezonzo, 37­- baixo). O curso, que terá unha duración total de 16 horas, desenvolverase en horario de 20:00 a 22:00 horas.

Esta iniciativa ten como obxectivo que os alumnos adquiran uns coñecementos para manexar con destreza as ferramentas e as aplicacións prácticas máis usuais de Microsoft Access. Está dirixido a persoas que precisen organizar a súa documentación a través dunha base de datos multimedia que permite simultanear texto e imaxes, creando un sistema de ficheiros relacionados, de forma que se poidan obter altas, baixas, modificacións, consultas, listados, etiquetas ou formularios.

O profesor de informática e docente deste curso, Emiliano Gómez, explica que esta acción formativa dá a coñecer as posibilidades que ofrece un xestor de base de datos de ampla difusión no ámbito dos arquivos de oficina. “O programa informático de aplicación de Bases de Datos permite efectuar tarefas de acceso e localización máis rapidamente e con máis precisión sobre os datos. Desta forma podemos dicir que o programa substitúe a outras ferramentas que quedaron obsoletas reemplazando aos antigos sistemas para  levar o control dos ficheiros de datos” –apuntou Gómez–.

Diferenciarse da competencia

A Cámara de Comercio de Santiago inaugura tamén o próximo luns-25  un curso de Iniciación ao marketing: como vender máis e diferenciarte da a competencia. As clases desenvolveranse ata o 5 de marzo en horario de 20:00 a 22:00 horas. Esta actividade formativa estará impartida por  Beatriz Fontán, da empresa Co-walking: Aïnhoa Mallo.

Nun total de 12 horas, o profesor explicará aos asistentes os aspectos imprescindibles do marketing para reenfocar os obxectivos dunha empresa, definir un camiño coherente e preciso, optimizando esforzos e recursos. Este curso sentará as bases e as ferramentas útiles para iniciarse na elaboración dun plan de marketing e na súa aplicación práctica.

Obrigas laborais e fiscais

Ademais, a entidade cameral  poñerá en marcha a próxima semana un curso de xestión de pemes: obrigas laborais (contratos, nóminas e seguridade social) e obrigas fiscais. A finalidade deste curso, de 20 horas de duración, é dotar aos asistentes das ferramentas necesarias para lograr un control íntegro da empresa desde o punto de vista legal (obriagas fiscais e laborais), a un control interno dos custes que lles permitan maximizar o beneficio do seu negocio. Está dirixido aos administradores de pemes, profesionais ou empresarios dados de alta no Réximo Especial de Traballadores Autónomo, que carezan dos coñecementos básicos en materia de xestión de empresas. O curso estará impartido por Ana Barreiro e Begoña Costa, da empresa C&B Asociados. Celebrarase ata o 8 de marzo nas aulas formativas da Cámara de Comercio de Santiago, en horario de 20:00 a 22:00 horas.