A Cámara de Comercio de Santiago informa de como implantar as notificacións electrónicas da Seguridade Social na actividade diaria das empresas

notificacinAs pemes compostelás recibirán axuda para adaptarse á e-Administración e mellorar a súa competitividade, eliminando a comunicación postal e persoal

Impartirase unha xornada o próximo martes, 26 de febreiro, no salón de actos

A Cámara de Comercio de Santiago organiza o próximo martes, 26 de febreiro, unha xornada informativa sobre a obriga das notificacións telemáticas da Seguridade Social que terán que aplicar as empresas de Santiago e do resto da demarcación cameral, en colaboración coa Tesorería General de la Seguridad Social e Camerfirma. Celebrarase no salón de actos cameral (rúa San Pedro de Mezonzo, 44 – baixo) entre as 10:00 e as 10:15 horas. O presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, inaugurará unha xornada na que participarán a subdirectora Provincial de Xestión Recaudatoria da Seguridade Social, Concepción Nieto Roig; o responsable de Zona Norte de AC Carmerfirma, Juan José García; e o representante de Portal Neos, un produto que ofrece solucións para a xestión de notificacións electrónicas, Rafael Laclaustra.

Esta xornada informará ás pemes de Santiago e a súa comarca,  asesorías, xestorías e grandes empresas, sobre a adaptación a este novo trámite obrigatorio para o que será preciso dispor dun certificado dixital, unha ferramenta imprescindible na actividade empresarial que ofrecen as Cámaras de Comercio. Con esta xornada, a Cámara de Comercio de Santiago axudará ás empresas a adaptarse á e-Administración, mellorando a súa competitividade.

A obriga da recepción das notificacións telemáticas da Seguridade Social entrará en vigor a través dunha orde ministerial prevista para antes do mes de marzo. Estas notificacións telemáticas serán a única canle de interrelación entre a Administración e as empresas, substituíndo ás comunicacións tradicionais mediante cartas ou comparecencias persoais.

Esta xornada, de carácter gratuíto, ten un aforo limitado previa inscrición na páxina web da Cámara: http://www.camaracompostela.com/formacion_preins.asp?ncurso=3112013