A Cámara de Comercio impartirá unha trintena de cursos de novas tecnoloxías, comercio internacional, contabilidade, habilidades sociais ou emprendemento neste primeiro semestre do ano

cursosA entidade ofrece ás empresas formación in company para deseñar programas específicos á medida

Este luns inaugúranse un curso de facturación informatizada

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela presenta a súa programación formativa para os primeiros seis meses de 2013. Máis de 30 actividades, entre xornadas, seminarios e cursos, conforman o calendario formativo. As empresas adheridas á institución cameral poderán beneficiarse de amplos descontos, de ata un 30%, nos cursos ofertados, ademais de persoas en situación de desemprego.

O obxectivo prioritario destes cursos é contribuír a elevar o nivel profesional do empresario e os seus colaboradores nos distintos campos do negocio e mellorar a capacidade profesional do empregado ou daquelas persoas que queiran incorporarse ao mundo laboral. Non é necesaria titulación para asistir a estes cursos, pero si certos coñecementos básicos para poder seguilos con eficacia. Aos alumnos que superen positivamente os cursos, asistindo como mínimo ao 80% das clases, outorgaráselles un diploma ou certificado.

Os cursos propoñen unha variada e interesante oferta temática:

-        Informática e novas tecnoloxías

-        Comercio Internacional

-        Comercio e distribución

-        Contabilidade e fiscalidade

-        Habiidades sociais

-        Idiomas

-        Financiamento proxectos europeos

-        Recursos humanos

-        Emprendedores (no viveiro de empresas de Costa Vella)

-        Outras xornadas en colaboración con organismos e institucións

  • Escola de Negocios Novacaixagalicia

A Cámara de Comercio de Santiago ofrece formación in company ás empresas que permitirá deseñar programas específicos á medida. Segundo a programación, o próximo luns, 18 de febreiro, inaugúranse unha actividade formativa encadrada dentro da sección de contabilidade e fiscalidade. Trátase dun curso de facturación informatizada a través do programa Factura Plus, que se impartirá en horario de 20:00 a 22:00 horas ata o vindeiro xoves, 21 de febreiro.

O obxecto desta xornada é dotar aos asistentes das ferramentas necesarias para lograr dominar o manexo dun programa de facturación, tendo un control dos traballos completados, facturados ou pendentes. Está dirixido a profesionais ou futuros especialistas en xestión de pemes que traballen en departamentos administrativos. Segundo o programa, os alumnos recibirán nocións xerais sobre a facturación dunha peme desde o punto de vista fiscal e contable, aprenderán a crear unha empresa no programa Factura Plus, ademais de adquirir unha visión xeral do programa informático e manexar pedidos e facturas a provedores.

Xestión da bonificación dos cursos

A Cámara de Comercio, a través do seu departamento de formación, ofrece ás empresas a realización de forma gratuíta de todos os trámites necesarios para a obtención das bonificacións contidas no actual sistema de formación continua da Fundación Tripartita.

Todas as empresas dispoñen dun crédito para a formación dos seus traballadores, cun importe que obteñen ao aplicar á cuantía ingresada o ano anterior, en concepto de cota de formación profesional, unha porcentaxe establecida anualmente, en función do seu tamaño. En todo caso, garántese un crédito mínimo para todas as empresas, que pode ser superior á cota por formación profesional ingresada pola empresa. O crédito é anual, e poderase utilizar nos cursos de todo o ano.

Para máis información os interesados poden dirixirse ás dependencias da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, na rúa San Pedro de Mezonzo, 44-baixo, ou a través do número de teléfono 981 59 68 00, e dirixirse ao departamento de formación. A entidade cameral ofrece a posibilidade de recibir información sobre as novidades do programa formativo a través do seu boletín online gratuíto. Para recibir este boletín os interesados deben solicitalo a través do seguinte enlace: http://www.camaracompostela.com/boletin/solicitar_alta.htm.