A Cámara de Comercio de Santiago entrega os diplomas aos 83 alumnos dos cursos de creación de empresas e emprendedores no comercio

diplomasDous participantes presentaron a súa idea de negocio, a empresa 4Gotas e un proxecto de enxeñería para a eficiencia na iluminación de túneles

Os cursos realizáronse coa colaboración da Fundación Incyde Fundación INCYDE e o financiamento da Xunta de Galicia, Fundación Galicia Europa e Novagalicia Banco

 

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela entregou esta mañá, no viveiro empresarial de Costa Vella, os diplomas aos 83 participantes de dous programas de Creación e consolidación de empresas, organizados en colaboración coa Fundación INCYDE (Instituto Cameral de Creación y Desarrollo de la Empresa), a Xunta de Galicia, a Fundación Galicia Europa e a entidade Novagalicia Banco, e un terceiro curso de Emprendedores no comercio. Nestes programas formativos participaron un total de 56 proxectos empresariais e 27 empresas.

 

O evento estivo presidido polo titular da Cámara de Comercio de Santiago, José Luis Rodríguez Dacal; o director Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, Odilo Martiñá; o subdirector Xeral de Relacións coa Unión Europea, Santiago Álvarez; o director Xeral da Fundación INCYDE, Javier Collado; o director de Zona Santiago Novagalicia Banco, Jesús Soto; e o secretario Xeral da Cámara, Fernando Barros.

O programa está dirixido fundamentalmente a aquelas persoas con iniciativas emprendedoras que necesitan coñecer a viabilidade da súa idea de negocio e adquirir os coñecementos necesarios que lles permitan poñer en marcha o seu proxecto empresarial, ou ben empresarios que queiran rendabilizar a súa empresa. Nace coa finalidade de mellorar, mediante a formación e o asesoramento, a xestión empresarial da pequena e mediana empresa (peme), desenvolver iniciativas dirixidas ao autoemprego e creación de empresas, así como a adaptación das pemes aos novos mercados. Así, o obxectivo xeral do programa é a obtención dun plan de empresa baseado nunha idea empresarial, ou para conseguir a mellora da competitividade do negocio xa existente.

Dacal destacou o traballo cameral por activar fórmulas eficaces para mellorar a creación e consolidación de empresas, como “método máis efectivo contra o desemprego”. Ademais, o vicepresidente da Cámara de Comercio salientou o labor da entidade en materia de emprendemento, representado polo viveiro de empresas de Costa Vella. Actualmente a incubadora empresarial acolle a 15 empresas con ubicación física, ademais de 18 firmas que reciben servizos do viveiro virtual. En 2012 incorporáronse oito novas empresas. Desde a creación desta incubadora empresarial en 2006 pasaron pola incubadora un total de 93 empresas, das que 66 abandonaron o viveiro para continuar coa súa actividade empresarial. Estas cifras mostran o correto funcionamento deste viveiro de empresas e a calidade do seu emprendemento. Dacal explicou que o funcionamento do viveiro está garantido pola súa magnífica taxa de supervivencia, situada no 78%.

Na súa intervención, Santiago Álvarez destacou a importancia de participar neste tipo de programas de fomento do emprendemento, que nun futuro se pode traducir nun incremento do “tecido empresarial galego, fortalecendo as pemes e o traballo xuvenil”.

Jesús Soto apuntou a necesidade do apio das entidades financeiras a estas iniciativas empresariais. “É unha das prioridades estratéxicas de Novagalicia Banco que en 2012 destinou 5.000 millóns de euros a 21.000 empresas galegas” –explicou–.

Pola súa parte, Javier Collado indicou a necesidade dunha colaboración estreita entre emprendedores e administracións, co obxecto de crear un “proxecto de emprego xuvenil”. Finalmente, Odilo Martiñá pechou o acto de clausura dos programas de creación de empresas.

Emprendedores con experiencia

Por outra parte, o acto contou cunha exposición sobre o percorrido empendedor de dúas empresas participantes no programa de Creación e consolidación de empresas. O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago alberga e ofrece apoio e asesoramento empresarial á firma 4gotas atmósfera y océano (www.4gotas.com). É unha empresa de recente creación, que xa está constituída e que iniciou a súa actividade este mes de febreiro.

Esta firma ofrece produtos e servizos baseados na meteoroloxía e a oceanografía nas súas tres liñas de negocio: os servizos web e aplicacións móbiles, os produtos audiovisuais para medios de comunicación e a consultoría técnica en meteoroloxía e oceanografía para empresas e institucións. Está composta por catro socios de perfil técnico e unha base científica común, titulados en Física e Matemáticas, Beatriz Hervella, Eduardo Penabad, Carlos Fernández e Pablo Carracedo. Cunha experiencia sólida tras anos de traballo en Meteogalicia e como presentadores do tempo en varias canles de televisión, os catro especialistas decidiron crear o seu proxecto empresarial a través do apoio e asesoramento do viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago.

Beatriz Hervella explica que o seu obxecto principal é “aunar conceptos para ofrecer ao púlbico obxectivo produtos innovadores, non habituais en España, con contidos transgresores que se comunicarán de formas diferentes a través de canles variadas”. Para conseguir unha formación empresarial axeitada, os membros desta empresa asistiron ao Programa de Creación e Consolidación de Empresas que lle axudou a redactar o seu propio proxecto de empresa.

A empresa Enxañería Electrotécnica. Eficiencia na iluminación de túneles está especializada na  implantación de sistemas de eficiencia enerxética na iluminación de túneles. Ofrece unha tecnoloxía económica e efectiva que permite aforros tipo do 35% nunha factura mensual de 10.000 euros como pode corresponder a un túnel de autoestrada de 500 metros de lonxitude.

O seu responsable, Santiago Moroño, explicou que esta tecnoloxía de aforro enerxético produce unha serie de beneficios ambientais, baseados na diminución de emisión de CO2 e a menor necesidade de almacenamento de residuos radioactivos de longa duración na xeración eléctrica.