A Cámara de Comercio de Santiago ofrece unha xornada para informar aos emprendedores sobre as liñas actuais de financiamento

financiacinParticiparán representantes de BBVA, La Caixa e Banco Sabadell

Celebrarase o mércores no viveiro de empresas de Costa Vella

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago (Polígono de Costa Vella, rúa República Checa, 40) acolle este mércores, 13 de febreiro, unha xornada sobre as claves para o éxito na busca de financiamento, en colaboración con BBVA, La Caixa e Banco Sabadell co obxecto de facilitar o acceso a crédito aos emprendedores. A xornada celebrarase entre as 10:00 e as 11:30 horas e contará coa participación da consultora Pemes e Banca Comercial da Dirección Territorial do Noroeste de BBVA, Mónica Lede, e a consultora Particulares e Banca Comercial da Dirección Territorial do Noroeste de BBVA, Montserrat Bao; o director de Comercio Exterior e coordinador da Dirección Territorial do Noroeste de Banco Sabadell, Javier Balbín, acompañado polo director de Oficina Empresas de Santiago, David Martís; e por parte de La Caixa, a directora de Oficina, María Trillo, e a directora do Centro de Institucións de Galicia, Mónica Sánchez.
A Cámara de Comercio de Santiago traballa para ofrecer posibilidades de financiamento a emprendedores que queren poñer en marcha o seu proxecto empresarial. “Ter unha idea de negocio é difícil, pero igual de complicado ou mesmo frustrante pode resultar a busca de financiamento para a posta en funcionamento ou consolidación do proxecto” –explica a responsable do viveiro de empresas, Rosa Cardeso–.

O obxecto desta xornada é que os emprendedores e empresarios coñezan as principais liñas de financiamento e entendan o funcionamento dos estados financeiros (EEFF) á hora de aprobar a concesión do crédito. Na xornada, os responsables das tres entidades explicarán aos asistentes as principais liñas de financiamento vixentes, ofreceranlles orientación e información sobre os criterios que se teñen en conta para valorar a viabilidade dun proxecto, os datos relevantes que deben aparecer nun plan de negocio atractivo e os detalles do perfil do emprendedor máis destacables.