O Foro Cívico-Empresarial e o Concello de Santiago potenciarán Lavacolla como o “aeroporto central de Galicia”

Asorey_e_CurrsA folla de ruta será presentada conxuntamente á Consellería de  Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, AENA e o Ministerio de Fomento

Jesús Asorey, presidente da Cámara de Comercio de Santiago:

“Debemos ser ambiciosos para converter a Lavacolla no mellor aeroporto do noroeste peninsular”

O Foro Cívico-Empresarial reuniuse esta mañá co alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, para analizar a proposta foral do colectivo onde se asentan as bases estratéxicas en defensa do aeroporto central de Galicia. Este folla de ruta pretende mobilizar á sociedade civil, superar as barreiras locais e comprometerse decididamente coa defensa do aeroporto de Lavacolla.

O presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, explicou que o Foro Cívico traballa sobre a folla de ruta do aeroporto central de Galicia e manifestou que se trata dun documento de intencións, máis que de reivindicacións. “Debemos ser ambiciosos para converter a Lavacolla no mellor aeroporto do noroeste peninsular, mesmo aspirar a ter as cifras do aeroporto do norte de Portugal” –indicou–.

 

Asorey destacou que tras esta reunión pedirán unha entrevista co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e así coñecer os plans da Xunta para os aeroportos de Galicia co obxecto de sacar a maior rendibilidade. “Falamos da política aeroportuaria, das conexións entre as cidades galegas con Lavacolla para darlle a maior proxección a unha terminal 24 horas, segura e eficiente”. Asorey destacou que solicitarán tamén reunións con AENA e o Ministerio de Fomento.

 

Pola súa parte, Ángel Currás salientou a necesidade de abordar o futuro do aeroporto de Lavacolla, entendido como "aeroporto central de Galicia" e en beneficio non só de Santiago, senón de toda a Comunidade Autónoma. Para o alcalde, a folla de ruta marcada por este Foro Cívico "marca un punto de partida para traballar todos conxuntamente na potenciación do aeroporto". Así, este documento de intencións seralle transmitido tamén á Xunta de Galicia, a AENA e ao Ministerio de Fomento.

Preguntado por aspectos concretos desta folla de ruta, falou da importancia da busca de novas conexións internacionais. Neste sentido, lembrou o crecemento que en Santiago está a rexistrar o turismo internacional, fronte á caída do turismo doméstico no actual contexto de crise económica. En calquera caso, e a propósito das cifras do aeroporto en 2012, resaltou que, malia esta situación económica, a caída "non é moi importante", comparándoa cos retrocesos rexistrados noutros aeródromos españois. Sobre o futuro da vella terminal, remitiuse ao estudo presentado sobre a viabilidade de situar alí un parque tecnolóxico. "É unha proposta que está sobre a mesa e que se estudará", dixo.

As bases estratéxicas consensuadas polo Foro Cívico-Empresarial fundaméntanse en cinco eixos de actuación:

1.- Crear un Grupo Técnico de Promoción do Aeroporto de Lavacolla, integrado polo Concello de Santiago, Cámara de Comercio, Asociacións Empresariais, Xunta de Galicia e AENA, que sexa quen de traballar cos diferentes axentes económicos e sociais da área de influencia do aeroporto en aras do seu máximo desenvolvemento comercial.

2.- Incrementar o acceso terrestre para consolidar a súa área de influencia, entendida esta como Galicia, Norte de Portugal e as veciñas provincias españolas. De aí que o aeroporto de Santiago deba favorecer o acceso á súa infraestrutura desde as principais cidades do Noroeste Peninsular, mediante unha rede de transporte áxil de frecuente.

3.- Procurar consolidar rutas intercontinentais a medio prazo, como Caracas e Nova Iork, e axiña aumentar destinos en Europa e vóos e frecuencias aos arquipélagos balear e canario.

4.- Impulsar un parque tecnolóxico na antiga terminal, en colaboración coa Universidade de Santiago e outras entidades, cuxo ámbito de actividade cumpriría determinar.

5.- Promover a cooperación competitiva entre as terminais galegas, pero posibilitando unha política de xestión e promoción individualizadas de Lavacolla, cara a desenvolver todo o seu potencial e servir da forma óptima ás empresas e habitantes da súa área de influencia.

FORO CIVICO-EMPRESARIAL DE SANTIAGO

1.- INSTITUCIÓNS

-        Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Santiago

-        Universidade de Santiago de Compostela

-        Fundación Catedral de Santiago

2.- ASOCIACIÓNS

-        Asociación de Empresarios de Hostalaría de Santiago e Comarca

-        Fundación Santiago Centro

-        Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre

-        ACOTES

-        Club Financiero de Santiago

-        Rotary Santiago

-        Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago

3.- COLEXIOS PROFESIONAIS

-        Colexio de Avogados

-        Colexio de Procuradores

-        Colexio de Economistas

-        Colexio de Arquitectos

-        Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais

-        Colexio de Axentes e Comisionistas de Aduanas de A Coruña e Lugo