A Cámara de Comercio de Santiago inicia na feira de turismo de Berlín a promoción empresarial exterior do ano 2013

berlinPrograma doce accións de internacionalización en Europa, Oriente Medio, África e Sudamérica

Viaxes, curtidos, madeira e libro son os principais sectores implicados, onde destaca a primeira misión comercial galega a Mozambique

O Departamento de Internacionalización da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela programou para 2013 doce accións de internacionalización –oito misións comerciais e catro encontros empresariais–, dentro do marco do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA), patrocinado pola Xunta de Galicia con fondos FEDER da Unión Europea.

Segundo manifesta o secretario xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Barros, a exportación é actualmente unha das claves da recuperación económica. “Para que as empresas melloren a súa competitividade a través da internacionalización precisan de apoio que facilite a súa saída ao exterior”  –apunta Barros–. Un bo exemplo de apoio e acompañamento das empresas sen experiencia en exportación foi o desaparecido Plan de Iniciación á Promoción Exterior (PIPE) –do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX) e o Consejo Superior de Cámaras (CSC)–, que nos últimos quince anos respaldou no exterior a 600 empresas galegas, convertendo a Galicia na quinta comunidade autónoma con maior número de empresas participantes.

As empresas interesadas poderán solicitar a súa participación na misión comercial a Arxelia, que se celebrará entre os días 8 e 11 de abril, e tamén a Chile e Perú programada para os días 20 e 28 de abril. Outras misións comerciais celebraranse no mes de maio. A delegación galega viaxará entre os días 6 e 9 a Israel cunha axenda de contactos baseada na alimentación e materiais de construción. Esta é a primeira ocasión na que a Cámara compostelá lidera unha misión a Israel.

Outra das viaxes empresariais será a Turquía a finais de maio (27-31 de maio). A mediados do mes de xuño, o departamento de internacionalización, dirixido polo técnico Fernando Pérez-Soba, organizará unha misión comercial a Emiratos Árabes Unidos e Catar. Para a volta do verán, a Cámara de Comercio terá pendente a celebración de tres misións comerciais. A primeira celebrarase entre os días 20 e 26 de setembro, destinada a empresas interesadas en estreitar lazos comerciais con empresarios de Arabia Saudí e Kuwait. Esta misión comercial a Kuwait é unha das novidades de planificación exterior da Cámara compostelá, que viaxará por primeira vez a este estado de Oriente Próximo.

A seguinte misión programada é a principios do mes de novembro. A Cámara de Comercio de Santiago acompañará aos empresarios na súa expedición comercial por Sudáfrica e Mozambique. Será a primeira ocasión na que unha Cámara galega viaxe en misión comercial por esta parte do sueste de África para manter conversacións sobre o comercio do gas. Finalmente, no mes de novembro celebrarase a última misión comercial prevista para 2013. As empresas galegas interesadas poderán visitar Chile e Perú entre os días 2 e 10 de novembro.

Feiras e encontros empresariais sobre turismo, pel e curtidos, madeira e libro

Dentro dos encontros empresariais, a Cámara de Comercio de Santiago ultima a participación no mes de marzo na feira ITB Turismo de Berlín (5-8 de marzo). A finalidade desta viaxe é a consolidación dos mercados xa asentados en Europa e a busca de novos clientes en mercados emisores emerxentes como Brasil, Rusia e China. Na ITB mostrarán os seus productos e servizos máis de 12.000 empresas, xa que é a feira “máis valorada polos profesionais do sector para a captación de novos mercados” –explica Fernando Pérez-Soba–. Presentaranse todas as novidades e tendencias do sector.

Tamén no mes de marzo se celebrará a APLF da pel e curtidos en China e India (25-31 de marzo). É a feira máis importante do mundo neste sector: a Fashion Access – Asia Pacific Leather Fair (APLF). As firmas galegas que soen asistir intentan consolidar a subida espectacular nas exportacións dos seus curtidos a China, que se multiplicou por sete nos tres últimos anos, alcanzando a cifra de 3,6 millóns de euros. “A pel curtida galega está sendo un auténtico valor en alza pola súa excelente calidade, moi apreciada entre os grandes países fabricantes de zapatos, bolsos e confección” – indica Pérez-Soba–.

No mes de maio está convocada unha feira sobre o sector madereiro, a Interzum Colonia, de Alemaña (13-16 de maio). Xa en outubro, a entidade cameral xestionará a participación galega na feira máis importante do sector editorial e das artes gráficas a nivel internacional, a Feira do Libro de Frankfurt (8-10 de outubro). A compravenda de dereitos de autor, edición e coedición, son os obxectivos e a axenda das empresas galegas asistentes, nun “evento que cada vez inflúe máis nas tendencias de cada ano” –sinala Fernando Pérez-Soba–.

A Feira do Libro de Frankfurt é o escaparate máis grande e importante do mundo en presenza editorial, volume de negocio e exposicións de libros e demais material das artes gráficas. Ofrece unha gran variedade de temas que van desde a ficción, relixión, literatura para a xuventude e libros infantís, ciencia e tecnoloxía, libros de arte, turismo, artes visuais e editores internacionais.

As empresas interesadas en recibir máis información sobre este tipo de accións de internacionalización deben facelo a través do Departamento de Promoción Internacional da Cámara de Comercio de Santiago (Tel: 981 59 68 00; Fax: 981 59 03 22; e mail: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.).