A caída do consumo provoca consecuencias directas na confianza dos empresarios e un estancamento económico no Barbanza

Asorey_e_DiesteO Indicador de Confianza, que elabora a Cámara de Comercio de Santiago, presenta unha brusca caída con –15,58 puntos

Jesús Asorey, presidente da Cámara de Comercio de Santiago:

“O final do exercicio 2012 foi claramente un dos máis  negativos dos analizados por sectores ata o momento”

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela elaborou o Indicador de Confianza Empresarial (ICE) da Comarca do Barbanza correspondente ao cuarto trimestre de 2012. O ICE-Barbanza é un informe que reflicte a situación do trimestre actual e as expectativas para o seguinte período nos sectores da construción, industria, comercio, hostalería e sector servizos. Esta nova publicación continúa en valores negativos, situando a confianza do empresariado da comarca en –15,58 puntos, un dato que revela unha brusca caída con respecto a trimestes anteriores, descendendo máis de 10 puntos respecto ao trimestre anterior (ICE Barbanza do 3º trimestre 2012: –5,23).

 

O índice de situación segue un trimestre máis en valores negativos, con –17,1 puntos, na liña coas expectativas desfavorables demostradas polos empresarios da comarca no anterior análise económico, onde o índice de situación naquel momento reflictía un lixeiro optimismo con 1 punto. En canto ás perspectivas para o primeiro trimestre de 2013, o empresariado do Barbanza revela un novo empeoramento e estancamento xeralizado da situación económica, alcanzando un índice de expectativas de –14,1 puntos, alcanzado valores similares aos do exercicio de 2011.

 

A continuación exponse un desglose por situación e expectativas:

- ICE: –15,58 (–5,23  no período anterior)

- Índice de Situación:  –17,1 (1 no período anterior)

- Índice de Expectativas: –14,1 (–11,5 no período anterior)

O colectivo empresarial do Barbanza púxose de acordo para manifestar a súa preocupación pola falta de crecemento empresarial, debido á debilidade da demanda, que para un 99,8% das empresas da zona foi o principal factor limitador da economía local e causante da baixa facturación. O factor de aumento da competencia, sinalado por un 44,3% da empresas enquisadas como o causante da baixa actividade empresarial, equipárase á media do exercicio anterior.  De novo a porcentaxe de firmas que destacaron os trámites administrativos foi superior ao 40%. Por outra parte, a maioría dos empresarios non sinalan outras causas como limitadoras do seu nivel de actividade. “Todos os empresarios enquisados coinciden en que están sufrindo as consecuencias directas da caída do consumo”–explica Asorey–.

Os resultados por sectores reflicten que a confianza segue en valores negativos. A construción continúa aportando cifras negativas en canto á situación (–34,2) e expectativas (–20,7), seguida por hostalería, que presenta os peores saldos rexistrados ato o de agora nas expetativas do sector cara o final do ano. En canto aos sectores do comercio e a industria confirmaron un indicador de confianza negativo, baseado nuns índices de situación e expectativas á baixa. Todos os sectores analizados conclúen que o factor influínte é a cifra de negocio alcanzada no cuarto trimestre, que indica que se finalizou o exercicio 2012 cunha diminución na facturación superior a doutros períodos similares.

“A confianza de todos os sectores sufriu de novo un varapalo sen conseguir ningún saldo positivo neste trimestre, sendo máis acusada esta tendencia nos sectores da construción e a hostalería e turismo, que manifesta o seu carácter estacionario correspondente a unha zona de costa. O final do exercicio 2012 foi claramente un dos máis  negativos dos analizados por sectores ata o momento” –sinala Asorey–.

O ICE, que é froito do traballo dos técnicos do Observatorio Económico da Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio de Santiago, elabórase sobre enquisas que se fan a 1.086 empresas dos concellos de Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son. Analiza trimestralmente as perspectivas das sociedades a partir da cifra de negocio, emprego, prezos, investimento e exportacións. Úsanse dous baremos: o Índice de Situación (que se refire á confianza actual do empresariado) e o Índice de Expectativas (que se refire á confianza do empresariado para o seguinte trimestre). Os dous oscilan entre –100 e +100, de tal forma que os valores positivos indican avances, mentres que os negativos sinalan retroceso da actividade.