A Cámara de Comercio aspira a participar como socio en varios programas europeos sobre economía somerxida e seguridade tecnolóxica empresarial

euO obxectivo deste ano é buscar novos proxectos centrados en comercio exterior e emprendemento

O Departamento de Proxectos da Cámara de Comercio de Santiago, que iniciou a súa actividade no segundo semestre de 2012, conseguiu captar distintas ofertas de proxectos europeos, das que varias aínda están pendentes de aprobación para que a entidade cameral participe como socio colaborador.

As previsións deste ano traerán a resolución das convocatorias pendentes e a tarefa fundamental será a busca de proxectos, centrados en distintas propostas nos ámbitos do comercio exterior e emprendemento. O departamento baralla a posibilidade de participar como organización intermedia para a acollida e loxística de grupos de emprendedores, froito do programa educativo Leonardo e do plan de intercambio Grundtvig. Ademais, a Cámara de Comercio está a realizar un seguimento das negociacións e novidades sobre a futura programación dos fondos europeos para o período 2014-2020, e continúan á espera para averiguar cantos fondos hai nos restos da programación de 2007-2013.

A Cámara de Comercio loita contra a economía somerxida

Un dos proxectos no que a entidade cameral pode participar como socio é o “Efecto do comercio e da economía somerxida nas relacións laborais/ industriais”. Este proxecto está encabezado pola Cámara de Comercio de Pieria en Grecia, e conformado polo Instituto de apoio a proxectos e desenvolvemento de capacidades de Alemaña, a axencia IRFI da Cámara de Comercio de Roma, o Instituto de Emprendedores da Universidade de Coventry no Reino Unido e a Cámara de Comercio de Praga, na República Checa.

A súa intención é alcanzar o fortalecemento da competitividade da pequena industria dos países participantes. O proxecto pretende mellorar as destrezas nas relacións laborais no sector do comercio e nas actividades económicas ilegais. Con este programa, os traballadores e as empresas estarán informados sobre os efectos da economía somerxida nas relación laborais europeas. “Preténdese erradicar as actividades ilegais e aumentar a recaudación de impostos” –apunta Belén Mendoza, responsable do Departamento cameral de Proxectos–.

Outras das iniciativas é o proxecto “Shield”, pendente de resolución no mes de marzo, sobre seguridade da tecnoloxía da información, avaliación autodirixida de riscos, xestión autónoma da privacidade, autodiagnóstico da penetración, vulnerabilidades sociais, crecemento das políticas de seguridade e software como un servizo de reparto.

O xefe de liña do proxecto é a Turkiye Seyahat Acentalari Birligi de Turquía, e o resto de compoñentes do equipo de traballo son a Cámara de Comercio e Industria de París, a italiana Confapi Industria, a empresa Singularlogic de Grecia, Itrust Consulting de Luxemburgo, a University of East de Londres, a University of Piraeus Research Center de Grecia, a empresa española Boluda División Industrial, a Bioaxis Healthcare de Reino Unido e a turca Logo Elektronik Ticaret Hizmetlerias.

A misión deste proxecto é lograr que as pemes europeas desenvolvan unha cultura e conciencia da seguridade dixital empresarial, poñendo en valor a protección da información e privacidade das súas empresas a través dun servizo de xestión innovador, rendible, fácil de utilizar e personalizado. “Incrementar a seguridade dun negocio é unha vantaxe comercial significativa que asegura o fortalecemento das súas infraestruturas e operatividade, a continuidade da empresa pola mellora da competitividade e o reforzo da confianza entre clientes e proovedores” –asegura Mendoza–.

Outro proxecto solicitado foi a Promoción do turismo na área do Danubio – Greentours”, dentro dun programa europeo de apoio a produtos turísticos temáticos transnacionais como medio para reforzar a competitividade e a sostibilidade do turismo europeo. Finalmente, a proposta non foi aprobada.