A Cámara de Comercio de Santiago impartirá un curso gratuíto de creación e consolidación de empresas culturais e creativas a partir de febreiro

cintasParticiparán un máximo de 25 proxectos empresariais relacionados coas artes e as novas tecnoloxías audiovisuais

Celebrarase ata o 5 de abril no viveiro de empresas de Costa  Vella

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela inaugurará o próximo 4 de febreiro, ás 18:00 horas, o programa de creación e consolidación de empresas culturais e creativas, que se impartirá de forma gratuíta no viveiro de empresas de Costa Vella ata o 5 de abril. Esta acción formativa está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, dentro do seu Programa Operativo 2007-2013, denominado “Adaptabilidad y Empleo”, aprobado á Fundación Incyde e ao Ministerio de Cultura.

O curso, no que participarán un máximo de 25 proxectos, está dirixido fundamentalmente a empresarios e responsables de pequenas empresas culturais e creativas de diversos sectores como a arte, teatro, música, danza, audiovisual, sector editorial, novas tecnoloxías ou deseño.

Nunha época na que a cultura se coverteu nun “sólido activo estratéxico de desenvolvemento social e nunha importante plataforma económica”, a Cámara de Comercio organiza este curso para tratar de satisfacer a crecente demanda deste tipo de pequenas empresas culturais cun enfoque altamente creativo.

Segundo indican desde a Cámara, os emprendedores no campo cultural deben coñecer as ferramentas de xestión empresarial adaptadas aos novos retos protagonizados pola cultura actual, tanto no sector produtivo privado das industrias culturais como nos diferentes campos nos que actúan as entidades non lucrativas, as asociacións de profesionais da cultura, as entidades de xestión de dereitos e as administracións públicas.

No transcurso do curso, os seus titores tentarán asesorar de forma individualizada a cada un dos participantes, ofrecéndolles os instrumentos empresarias necesarios para deseñar e dirixir os seus proxectos culturais, fomentando o uso de novas tecnoloxías, tanto en sectores artísticos tradicionais como nos novos espazos de ocio creativo: cine de animación, publicidade, comunicación, páxinas web ou videoxogos. Nas clases teóricas desenvolveranse os principios do mercado cultural na sociedade actual. Para completar o programa, os participantes elaborarán unha presentacón do Business Plan dun proxecto empresarial.